Colaboracións e patrocinios

O Consello promove e publica o estudo Impacto económico da actividade universitaria da UVigo

2022-09-29T14:24:57+00:0029 de Setembro de 2022|Colaboracións e patrocinios, Novas, Responsabilidade social|

O Consello Social valorou a necesidade de contar con información actualizada e detallada da implicación da Universidade de Vigo na súa contorna, en Galicia en xeral, mais poñendo enfase nas economias das provincias onde radican o seus tres campus. Esta valoración e necesidade parte da obriga de render contas á sociedade que o Consello se autoimpón como institución de servizo público. Para elaborar dita información contou con Isabel Diéguez Castrillón, Ana Gueimonde Canto e Andrés Mazaira Castro como autores.

O estudo está presentado como un documento de traballo estruturado en catro grandes bloques. Nunha primeira parte recóllese a abordaxe metodolóxica empregada para a cuantificacións dos impactos. No segundo capítulo aplícase a metodoloxía inputoutput para a análise do impacto económico de curto prazo. A terceira sección supón a aproximación ao impacto de longo prazo e finalmente, nun cuarto capítulo, preséntanse as principais conclusións.

A xerencia da Universidade de Vigo e moi especialmente a Unidade de Análises e Programas xogaron un papel chave na dispoñibilidade dos datos internos da universidade.

Obxectivos concretos do estudo

  1. Determinar e cuantificar o impacto económico da actividade da Universidade de Vigo no curto prazo tanto en Galicia como nas provincias de Ourense e Pontevedra. Identificar output, renda e emprego que se xeran.
  2. Cuantificar o poder de atracción que exerce a Universidade de Vigo cara a outros sectores económicos. Identificar os sectores económicos mais favorecidos pola actividade económica xerada pola mesma nas provincias de Pontevedra e Ourense.
  3. Cuantificar o impacto económico da Universidade de Vigo a través da creación de capital humano e, mediante el, avaliar o impacto na ocupación e o emprego.
  4. Coñecer a balanza fiscal derivada da actividade da Universidade de Vigo e a contribución desta ás contas da seguridade social.
  5. Cuantificar a incidencia das actividades de creación e transferencia de coñecemento da Universidade de Vigo.
  6. Determinar a eficacia e eficiencia do investimento económico que fai a sociedade na Universidade de Vigo.

Conclusións que demostran a eficiencia dos investimentos

Unha das cuestións analizadas e amosada nas conclusións é a eficiencia do orzamento da Universidade de Vigo (impacto a curto prazo), cuns claros efectos multiplicadores, xa que máis do 98% do orzamento ten impacto na economía galega. Así:

  • Por cada euro de orzamento da Universidade de Vigo, xéranse en Galicia 3,51€ de output.
  • Por cada millón de euros de orzamento de gasto da Universidade de Vigo, xéranse 51 empregos en Galicia.
  • Por cada emprego directo, créanse 2,7 empregos indirectos.
  • Por cada euro de orzamento da Universidade de Vigo, xérase un efecto renda ou VEB de 1,96€.

No que respecta ao impacto a longo prazo, entre outras variables e valoracións é destacable a actividade da UVigo en I+D+i, calculándose o valor do capital tecnolóxico xerado no período 2003-2020 en 304,2 millóns de euros. E como resultados deste capital tecnolóxico, os seguintes indicadores:

  •  A suma dos recursos externos captados polos investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo situouse no exercicio 2020 nos 18.569.622,56€.
  • O importe do conxunto de cursos, contratos e informes de I+D realizados no ano 2020 alcanzou a cantidade de 5.104.978,53€.
  • Existen na actualidade 39 spin offs activas creadas no seo da Universidade de Vigo, que dan emprego a 360 traballadores, cunha facturación próxima aos 15 millóns de euros (14.851.643€) e un total de activos que se sitúa perto dos 20 millóns de euros (19.255.213€).
  • A Universidade de Vigo comparte titularidade de 183 patentes españolas, solicitadas no período 2007-2020, o que representa o 32% da totalidade das do SUG, e un 3% das totais estatais que teñen entre os seus titulares a universidades españolas.
IR Á FICHA DE PUBLICACIÓNS E CONSULTAR O ESTUDO