Comisión de actividades y servicios

Aprobación de ayudas en la Comisión de Actividades y Servicios

2018-10-22T18:12:08+00:0014 de marzo de 2017|Comisión de actividades y servicios|

Reunión celebrada na sala II do edificio Miralles o martes, 14 de marzo, ás 12.00 h.

ORDE DO DÍA

PUNTO 1

Aprobación, se procede, da acta da sesión anterior (09.02.2017)

  • Apróbase por asentimento.

PUNTO 2

Informe do presidente

Dá conta don Ernesto Pedrosa da entrega das conclusións do amplo cuestionario feito a estudantes de último curso de Grao de todas as titulacións, que permite ter unha visión da opinión que teñen os estudantes de cuarto de Grao sobre a súa futura empregabilidade, a súa predisposición e as súas expectativas, o aproveitamento das ensinanzas e da formación que reciben e a adecuación para o emprego, o apoio do profesorado ou as redes persoais das que dispoñen, entre outros indicadores. As conclusións permiten acceder a un índice de confianza que será de especial utilidade para o achegamento da sociedade á vida universitaria.

  • A Comisión dáse por informada.

PUNTO 3

Avaliación e aprobación, se procede, para elevación a Pleno da distribución de axudas previstas no Plan de apoio a titulacións para prácticas preprofesionais, promovido polo Consello Social

Explica o secretario que no informe que se somete á Comisión figuran dez solicitudes, recibidas ao abeiro da convocatoria pública do Plan anual de apoio a titulacións da Universidade de Vigo con dificultades para realizar prácticas preprofesionais.

A Comisión APROBA propoñer ao Pleno unha distribución do Plan de Practicums.

PUNTO 4

Acordo que proceda sobre a proposta de patrocinio da terceira edición do “Estudo sobre a evolución da percepción laboral, confianza e valoración dos alumnos da Universidade de Vigo” e ponderación dos resultados dos cursos 2014/2015 e 2016/2017.

O presidente fai un resumo da proposta que se presenta, e engade que ten un valor sobreengadido ao estudo anual, porque contempla a maiores unha ponderación da evolución dos datos dos tres últimos anos, o que permitirá establecer un indicador de tendencia. A Comisión ACORDA

  • Aprobar unha dotación para o estudo e outra para a publicación dos resultados.

PUNTO 5

Aprobación, se procede, da achega económica precisa para a organización das “IV Xornadas de Fundraising e Mecenado”, promovidas polo Consello Social.

Informa o presidente que o Consello Social da Universidade de Vigo foi elixido como referente oficial dos Consellos Sociais españois no eido do Mecenado. A Conferencia que os agrupa colabora na organización destas Xornadas, que terán carácter internacional e coas que se pretende coñecer e avanzar un novo marco de relación entre universidades, axentes sociais e novos financiadores da actividade académica. Don José María Franco pide que se dea traslado do programa ao directorio da Federación de Alumni de España. A Comisión ACORDA

  • Aprobar unha asignación económica.

PUNTO 6

Acordo que proceda sobre a solicitude de colaboración coas actividades previstas pola Asociación “Aulas de formación aberta”, alumnos do programa de maiores da Universidade de Vigo, no primeiro trimestre de 2017.

As Aulas de formación aberta, que forman aos alumnos do cada vez máis numeroso programa de maiores do Campus de Vigo, preparan distintas propostas a desenvolver en 2017, entre elas taller de lectura, Cine Fórum, e sesión de formación vía Internet. Exposto este punto, don Carlos Mollinedo fai varias reflexións sobre a idoneidade dos destinatarios da axuda solicitada, por canto podería dar pé a abrir unha liña de axudas de difícil fundamentación. O presidente aclara que só se trata de dar apoio a iniciativas dos alumnos senior da Universidade de Vigo, e que debe entenderse como unha labor acaída aos obxectivos do Consello Social. A Comisión ACORDA

  • Conceder unha axuda.

PUNTO 7

Acordo que proceda sobre a axuda solicitada para a celebración en Vigo do “XI Encontro de responsables de protocolo e relacións institucionais das universidades españolas” e “VIII Encontro hispano-luso de protocolo universitario.

Para finais do mes de  maio, coa organización da Universidade de Vigo, está prevista a celebración en Vigo do XVI Encontro de responsables de Protocolo e Relacións Institucionais das universidades españolas, cun cento de asistentes, e o VII Encontro hispano-luso de Protocolo universitario. A proposta de don Ernesto Pedrosa, a Comisión ACORDA

  • Aprobar unha axuda.

PUNTO 8

Acordo que proceda sobre a colaboración solicitada para levar a cabo en Ourense o Seminario ”Pensar o dereito II. Diálogos entre universidade e xustiza”.

Para abordar distintos problemas de actualidade e de conexión entre o xurídico e o social e a universidade, organízase en Ourense o Seminario “Pensar o Dereito II. Diálogos entre Universidade e Xustiza”, no que participarán prestixiosos relatores, e que tivo a súa primeira edición en 2010. Os presentes conveñen no interese do programa. A Comisión ACORDA

  • Aprobar unha axuda.

PUNTO 9

Acordo que proceda sobre a petición da Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais para a colaboración do Consello Social coa carreira “HappyGoRunning”, no Campus de Vigo.

Don Ernesto Pedrosa salienta que a proposta ten por obxectivo trasladar á sociedade a importancia do deporte e as posibilidade de practicalo no Campus universitario. Para elo, a Vicerreitoría de Extensión universitaria organiza a tradicional carreira “HappyGoRunning”, cunha previsión de asistencia de mil participantes. Algúns dos presentes fan distintas consideracións sobre a denominación da proba en inglés. A Comisión ACORDA

  • Aprobar unha axuda.

PUNTO 10

Aprobación, se procede, sobre a organización e patrocinio do “III Foro do Consello Social. Comunicación e relacións públicas para unha universidade moderna”, a desenvolver no Campus de Pontevedra.

Subliña o presidente a participación do Consello Social na organización e financiación desta iniciativa, a desenvolver na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra. O Foro está previsto no mes de abril, baixo o título “Comunicación e relacións públicas para unha universidade moderna”. A actividade está coordinada polo profesor Fernando Ramos. Tras aclarar e corrixir algúns erros identificativos dos relatores que se reflicten no programa, e a presentación dun novo programa que se entrega na reunión, lembra don Ernesto Pedrosa que se lle deberá aplicar a redución do 20% respecto á anterior edición. A Comisión ACORDA

  • Aprobar unha axuda.

PUNTO 11

Acordo que proceda sobre a petición da Asociación de amigos e antigos alumnos da Universidade de Vigo, para a edición dun monográfico da revista Tres Campus.

Introduce don Ernesto Pedrosa a proposta, facendo fincapé en que a Asociación de amigos e antigos alumnos da Universidade de Vigo prepara un monográfico específico sobre os Campus Crea e Campus Auga, en Pontevedra e Ourense, respectivamente, para dar a coñecer as súas ofertas, servizos, instalacións, docencia, actividade investigadora e potencialidades. Suxire que se conceda na súa totalidade a axuda solicitada. A Comisión ACORDA

  • Aprobar unha axuda.

PUNTO 12

Acordo que proceda sobre a solicitude de axuda presentada pola Rede de alumnado de intercambio da Universidade de Vigo, para organizar en Vigo a reunión anual da Federación de Erasmus Student Network (ESN) en España.

Analízase a proposta da Rede de alumnado de intercambio da Universidade de Vigo, que  organiza no mes de xuño en Vigo a reunión da Erasmus Student Network (ESN), a asociación de estudantes máis grande de Europa. Dende o seu nacemento en 2009, ESN Vigo axuda cada ano a máis de 600 estudantes internacionais. A Comisión ACORDA

  • Aprobar unha axuda.

PUNTO 13

Acordo que proceda sobre a axuda solicitada para organizar a “III Competición de robots”, co obxectivo de atraer alumnos do ensino secundario e bacharelato.

      Informa o presidente que a Escola de Enxeñaría industrial organiza este evento, cunha previsión de máis de 700 participantes, nas opcións de iniciados ou avanzados, co obxectivo de promover as súas titulacións e fomentar o interese dos alumnos de Secundaria e Bacharelato polos estudos de enxeñería. Comparten os presentes o interese da iniciativa. A Comisión ACORDA

  • Aprobar unha axuda.

PUNTO 14

Rogos e preguntas.

Non hai.