A Conferencia de Consejos Sociales de Universidades (CCS) presentou o venres 14 de decembro en Madrid o libro “Incentivos fiscales al mecenazgo y a la investigación en la universidad”. No mesmo analízase a situación actual do mecenado privado en España e proponse medidas concretas para consolidar un réxime fiscal atractivo para mellorar o financiamento privado das universidades.
No acto –ao que asistiu o presidente de Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa– interviron o presidente da CCS, Antonio Abril Abadín, o secretario general de universidades, José Manuel Pingarrón e o vicepresidente adxunto da Conferencia de Rectores de las Universidades Españolas (CRUE), José María Sanz. O traballo elaborouno un grupo de expertos coordinados por Víctor M. Sánchez Blázquez, da Universidad de Las Palmas de Gran Canaria.
O presidente da CCS destaca que “na sociedade do coñecemento en que nos desenvolvemos resulta imprescindible posibilitar un mecenado activo ao servizo dos nosos grandes centros de produción de coñecemento e talento. A formación de capital humano e científico é un investimento de futuro moi rendible, pero tan custosa de soster no día a día que, ademais dun financiamento público suficiente e estable, tamén require dun importante caudal de recursos privados que sentan debidamente estimulados e recoñecidos pola súa contribución ao interese colectivo”. A mellora do financiamento é un dos eixos que establece a CCS para conseguir que a universidade constitúa un verdadeiro motor do desenvolvemento económico e do benestar social, tal e como plasma o “Manifesto de Maspalomas”, aprobado na última Asamblea General da Conferencia.
O libro analiza a situación actual a partir da lei 49/2002, de 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado e realiza un estudo comparado con outros países. Entre as propostas de actuación expón fomentar unidades nas universidades cuxa actividade de captación de fondos diríxase ao sector privado ou ampliar a inclusión das universidades nas “actividades prioritarias de mecenado”.