Convocatorias de axudas
Actualmente, entre as axudas que promove, nas que colabora ou aquelas que xestiona, o Consello Social participa en tres tipos de bolsas
Axudas Prácticums
O Consello Social convoca axudas ás titulacións da Universidade de Vigo que presenten dificultades para que o seu alumnado acceda ás prácticas preprofesionais para desenvolver a súa formación en áreas pouco axeitadas para a formalización de convenios. O obxectivo específico das axudas é fomentar a adaptación dos perfís de egreso dos titulados e tituladas ás demandas das entidades empregadoras, complementar a formación do alumnado fóra das aulas, propiciar as prácticas e mellorar as expectativas no mercado laboral.
Con esta iniciativa, o Consello Social promove –fóra das aulas– actividades de orientación laboral e inserción na vida práctica profesional. Tamén persegue achegar información e asesoramento ao alumnado sobre as posibilidades de emprego nos distintos sectores da produción, a industria, as administracións, os servizos etc., mediante a realización de obradoiros, seminarios, prácticums, visitas, relatorios, mesas redondas ou conferencias, con profesionais relevantes no ámbito do que se trate.
Ver a normativa das axudas Prácticums [PDF, 0.5MB]
Axudas Ourense Rural
O seu obxectivo é atender o custo económico que supón a realización de estudos universitarios oficiais de grao para o alumnado empadroado en concellos rurais de Galicia distantes do campus universitario de Ourense e con dificultades de conexión a través de medios de transporte habituais. Esta axuda está promovida polo propio Consello Social, a Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense.
As axudas Bolsas Ourense Rural-Grao destínanse a cubrir os gastos derivados do desprazamento do alumnado beneficiario desde o termo municipal da súa vivenda habitual ata o concello de Ourense.