Histórico

O Consello Social promove entre os estudantes da UVigo o voluntariado educativo en dereitos humanos

2020-02-21T18:49:27+00:0011 de Decembro de 2018|Novas|

Coincidindo coa celebración do Día dos Dereitos humanos  e do 70 aniversario da aprobación da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, arrancou no campus de Vigo o curso Xoves para xoves no que vinte estudantes de diferentes escolas e facultades da UVigo convértense en voluntarios e voluntarias dun proxecto de educación en dereitos humanos e obxectivos de desenvolvemento sostible que chega agora por primeira vez a Galicia da man da Universidade, o Consello Social e a organización non gobernamental Helsinki España. Esta semana asistirán a un curso formativo e, tras esta preparación, chegará o momento de pór en práctica todo o aprendido en diferentes centros escolares.

A inauguración do curso, celebrada na sala 1 do edificio Miralles, contou coa participación  das vicerreitoras de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, Mª Isabel Doval, e de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, así como da representante do Consello Social, Mª Elvira Larriba, e da presidenta de Helsinki España-University Network, Ana Nieto, aos que se sumou, vía videoconferencia, Pablo Espiniella, especialista na formación de dereitos humanos e representante do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os dereitos humanos en Xenebra. Todos coincidiron en destacar a importancia deste tipo de proxectos nos que, a través da formación, a sensibilización en valores e o voluntariado xuvenil, se contribúe ao desenvolvemento dunha cultura na que nenos e nenas, mozas e mozos, sexan máis conscientes dos seus propios dereitos e das súas obrigas con respecto aos demais, “favorecendo así o seu desenvolvemento como membros responsables dunha sociedade global, interdependente, libre e pacífica, pluralista e inclusiva”.

[Esta información ten como base unha nova do DUVI]