O venres 7 ás 18:30 celebrouse o acto de graduación (2019) de Dereito no salón de actos Marie Curie do edificio Politécnico do Campus de Ourense. Contou coa asistencia de Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, de Miguel Ángel Michinel, secretario xeral da Universidade e de Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito.
“Chegou o momento de que a vosa formación integral reverta en beneficio da sociedade que confiou e investiu en vós”, díxolle a decana ás e ao alumnado homenaxeado, e engadiu que “as ferramentas adquiridas, ben conservadas e actualizadas cunha aprendizaxe permanente, e o voso esforzo persoal permitiranvos cultivar logros e éxitos profesionais e afrontar os retos que vos propoñades”.
A VII promoción do Grao en Dereito, formada por 38 egresados e egresadas, e a I promoción do Programa Conxunto Grao en Administración e Dirección de Empresas-Grao en Dereito, formada por 11 persoas, foron apadriñadas polo profesor Roberto Bustillo e por Marta Fernández. Durante o acto tamén se nomeou como membro honorífico do claustro de profesores da Facultade de Dereito a Blanca Vilà, catedrática de Dereito Internacional Privado da Universitat Autònoma de Barcelona.