A Universidade de Vigo celebrou o día do seu patrón, San Tomé de Aquino, o martes 28 de xaneiro cun acto na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Na cerimonia entregáronse preto de 150 galardóns que premian o traballo das alumnas e alumnos excelentes: un total 23 premios extraordinarios de doutoramento, 45 premios extraordinarios de grao, 60 premios de excelencia para o estudantado que comezou neste curso os seus estudos universitarios e 15 para os que comezaron un mestrado, así como seis premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e máster.
O reitor salientou que a Universidade se sente orgullosa do traballo realizado e comprometida cos retos aos que se enfrontará nos vindeiro anos, desafíos entre os que situou a captación de novo alumnado internacional; a renovación do cadro de docentes, pensando sobre todo na fichaxe de talento feminino, e a aposta decidida pola igualdade.
Na celebración participaron numerosas autoridades académicas e políticas, entre elas a conselleira de Educación da Xunta de Galicia, Carmen Pomar e o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa.
O evento marca tamén o comezo das actividades de conmemoración do trinta aniversario da institución que se desenvolverán ao longo do 2020.
[Informacións e imaxes dunha nova do DUVI]