Coñecer o impacto laboral que a actual crise da COVID-19 está a ter nas persoas tituladas da UVigo é o gran obxectivo co que o Observatorio de Persoas Tituladas pon en marcha unha enquisa a todos os exalumnos e alumnas da Universidade de Vigo. A recollida de datos prolongarase ao longo de todo o mes de xuño e a mediados do seguinte mes agardan contar cun primeiro avance dos resultados.
“Con este estudo queremos saber como a situación creada polo virus está a afectar a situación laboral en aspectos como a implantación do teletraballo/traballo remoto, as medidas tomadas polas empresas/organizacións en relación aos contratos, así como as expectativas sobre a situación laboral e económica”, apunta o exreitor Luis Espada, director do Observatorio, quen explica que esta iniciativa está a ser difundida por varias vías. A principal é o envío masivo de correos electrónicos aos contactos de antigos estudantes á que se suma a páxina web do Observatorio e o seu espazo en LinkedIn. Complementariamente están a usar tamén outros medios como son as listas de distribución ‘comunidade’ e ‘PDI’ da Universidade. Neste senso, Espada fai unha chamada á participación do antigo alumnado e “agradece que o profesorado axude na difusión”.
Fichas de perfil de nove sectores clave conformaron un estudo previo
Durante os meses do confinamento máis estrito, o Observatorio elaborou infografías sobre diferentes sectores nos que traballan as persoas tituladas da UVigo e que, intuían, estaban a ser afectados de maneira desigual pola crise. Así, realizaron fichas de perfil de nove sectores (sanitarios e prevención, automoción, alimentación, ensino e docencia, investigación, turismo, transporte e loxística, construción e servizos informáticos), cuxos resultados divulgaron nun vídeo subido á súa canle de YouTube.
Entre os datos que recolle a enquisa non está o nome da empresa/organización na que traballan as persoas tituladas senón, o sector económico de actividade. Ademais, os datos persoais facilitados serán tratados baixo a responsabilidade da UVigo para a xestión das finalidades do Observatorio. E as respostas recollidas no formulario non serán asociadas cos datos persoais solicitados (nome, apelidos e enderezo de correo electrónico).
Por outra parte, Espada adianta unha novidade: “A petición das persoas que están a responder á enquisa estamos avaliando realizar posteriormente outra consulta sobre a evolución de parámetros como a duración e evolución dos ERTEs en España ou figuras similares noutros países”.
O Observatorio de Persoas Títuladas conta coa axuda do Consello Social.