Discursos do presidente

A responsabilidade social (RS) e a transparencia. A visión do presidente do Consello Social na memoria RS do ano 2019

2020-10-01T18:30:32+00:001 de Outubro de 2020|Discursos do presidente, Responsabilidade social|

Non vexo outra institución coma a universidade tan capaz de abrir camiños para reducir as desigualdades, resolver problemas reais, crear espazos para a reflexión e a creatividade e pechar simas morais. Nesta época de planicies vitais, a universidade debe converterse nun sentimento vertical dentro da sociedade e nunha inxección de valores especialmente saudables para a convivencia, para o coñecemento ético, para a igualdade e para a cooperación solidaria.

Os Consellos Sociais son a ponte necesaria entre a sociedade e a universidade. A súa actividade e as iniciativas que desenvolven son ben acaídas para verticalizar o compromiso e a responsabilidade social. Sen sobresaltos nin áncoras. Por iso os Consellos Sociais queremos entrar de cheo nos Obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) que impulsa a ONU no marco da Axenda 2030, un dos acordos globais máis ambiciosos e importantes –e engadiría necesarios e urxentes- da recente historia, que están a ser asumidos polas grandes organizacións e empresas e que se están a converter nun imprescindible mosaico global confeccionado dende o sentido común e a previsión. Conscientes de que os proxectos e os feitos axudarán a integrar e madurar o compromiso universitario cos ODS. Nesa liña, e para darlle maior pulo, temos a fortuna de dispor dunha valiosa vía de colaboración co Vicerreitorado de Responsabilidade social, internacionalización e cooperación, e mesmo ca Unidade de Análise e Programas.

Entendemos no Consello Social que esta vía é unha maneira de impulsar a visibilidade da imaxe e das potencialidades da UVigo. Para nós, son obxectivos básicos implicar á sociedade no seu conxunto nas iniciativas da Universidade, estimular o compromiso e a confianza e promover un maior coñecemento mutuo, así como avanzar nas relacións entre universidade, institucións, empresas, grupos sociais e medios de comunicación. As universidades precisan a comunicación para seren máis visibles, máis coñecidas e máis estimadas, para entender mellor a súa función, o seu funcionamento, os seus méritos, os seus resultados e a súa importancia. Queremos contribuír a forxar unha universidade próxima, eficiente, formativa e educadora, en sentido amplo. Que sexa en si mesma unha testemuño dos tempos. Transparente e modelo de conducta. Parécenos este un camiño axeitado para dar resposta a todas esas inquedanzas.

Agradecemento e parabéns a todos cantos, na medida das súas posibilidades, dan pulo a esta xigantesca tarefa común. E ogallá nalgún momento poidamos dicir, como Alexander von Humboldt cando chegou o val de Anáhuac, en México: “Viaxeiro, chegaches á rexión máis transparente do aire”. Porque diso se trata.

Ernesto Pedrosa Silva
Presidente Consello Social

 

Texto publicado na Memoria de Responsabilidade Social 2019 da Universidade de Vigo que se pode descargar nesta ligazón (PDF, 9.2 Mb).