Bota a andar a Comunidade Alumni da UVigo, iniciativa que conta co pulo do Consello Social

2021-02-02T17:02:56+00:002 de Febreiro de 2021|Novas, Responsabilidade social|

A Comunidade Alumni-UVigo é un servizo que terá como obxectivo principal “xerar un novo espazo de comunicación que permita non só manter activo o vínculo entre a Universidade de Vigo e as persoas tituladas, ou outros colectivos que mantivesen vinculación académica ou contractual coa institución, senón tamén establecer sinerxías dentro dos e das usuarias que faciliten o seu desenvolvemento persoal e profesional”, como explicou a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, no Consello de Goberno que aprobou a posta en marcha da Comunidade que comezará a andar o vindeiro 10 de febreiro.

A Comunidade Alumni-UVigo é herdeira do Observatorio de Persoas Tituladas, que preside Luis  Espada, e terá como labores traballos até agora desenvolvidos por este, que entre outros serán:

  • Colaborar coas tarefas de coñecemento da situación e da bagaxe profesional do antigo alumnado da UVigo.
  • Facilitar a localización de antigo alumnado, a quen lle poida xurdir algún asunto de interese particular ou colectivo: oportunidades de traballo, posibles colaboracións, reunións de antigo alumnado etc; apoiar a carreira e o prestixio profesional da Comunidade Alumni-UVigo.
  • Favorecer as relacións de rede de contactos profesionais, así como aumentar as posibilidades de xerar oportunidades de negocio entre a comunidade.
  • Organizar encontros ou estreitar vínculos de colaboración entre as empresas e as institucións nas que se atopen integrados os usuarios da comunidade Alumni-UVigo e a propia UVigo, en materias de interese común.

A Comunidade Alumni da UVigo baséase nun modelo mixto deste tipo de organizacións, onde se poderán integrar persoas tituladas pola UVigo, PDI, PAS ou alumnado de programas de mobilidade, aínda que tamén se lles poderá outorgar o recoñecemento de Alumni-UVigo honorífico a persoas que –sen pertencer a ningunha das categorías anteriores, pero con relevancia ou méritos de excelencia–as fagan merecedoras de tal distinción, como é caso dos doutores/as honoris causa pola propia universidade. Outras dúas categorías serán as da distinción Alumni-UVigo en atención a unha especial implicación coa comunidade, sexa a través de accións de mecenado, mentoría, facilitadoras de emprego, acollida etc., e amigo de Alumni-UVigo para persoas achegadas e amigos da institución que sen pertencer a ningunha das categorías definidas previamente amosen o seu interese en formar parte activa da comunidade.

Ademáis, pertencer á Comunidade Alumni-UVigo conlevará beneficios. Entre outros:

  • Participar en accións colectivas de carácter cultural, social, electivo etc.
  • Vantaxes que ofrezan tanto a UVigo coma entidades colaboradoras á comunidade, como actividades de extensión universitaria, tanto culturais coma deportivas.
  • Uso do servizo da biblioteca e servizos de préstamo de libros.
  • Acceso á oferta formativa ofrecida polo Centro de Linguas.
  • Acceso ao Servizo de Orientación Laboral.
  • Acceso ao  Servizo de Creación de Empresas.
  • Promover a marca ou dar a coñecer a imaxe dunha entidade no caso de que exerza o rol de patrocinador/a ou mecenas
  • Acceder a recoñecementos, premios, axudas etc., promovidos para ou pola comunidade Alumni-UVigo.

O Consello Social foi un piar fundamental do Observatorio de Persoas Tituladas  desde a súa creación. Diante do nacemento da Comunidade Aliumni-UVigo impulsará este espazo desde agora, na súa posta en marcha, na súa consolidación e no futuro.