Corenta proxectos empresariais nacidos uns meses antes ou durante a pandemia dan a coñecer produtos e servizos na oitava edición do Pont-Up Store, o encontro do emprendemento promovido pola Universidade de Vigo, a través do Campus Crea e que conta co patrocinio do Consello Social. Pedro Figueroa, director do evento, salientou na presentación que “son sen dúbida, representantes dunha Galicia viva, innovadora e creadora de futuro”. Tamén constatou que as iniciativas participantes, seleccionadas entre preto de 200 candidaturas, son empresas de toda Galicia, “un 40% procedentes das vilas e do rural” e das que preto do 55% están lideradas por mulleres.
Boa parte dos proxectos foron seleccionados para o evento do pasado ano, posteriormente anulado, aos que se sumaron unha ducia de novas iniciativas nacidas durante a pandemia e que foron seleccionadas nunha convocatoria extraordinaria. Jorge Soto, vicerreitor do campus asegurou que “o Pont-Up volve fortalecido e coa mesma misión”. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, subliñou a importancia do evento para “mostrar o talento que teñen neste momento Pontevedra como Galicia”, onde existen “exemplos de emprendemento de vangarda” e vinculado a “valores como a defensa do medio ambiente e a economía sostible”. Tamén interviu no acto o presidente do Consello Social da Universidade, Ernesto Pedrosa.
Ver nova anterior:
“O Pont-Up Store 2021, que conta coa colaboración do Consello, terá lugar os días 24 e 25 de setembro“.