Actos do presidente

A sala de exposicións do campus de Pontevedra pasa a chamarse ‘Sala universitaria Profesor Manuel Moldes’

2021-10-18T13:48:41+00:0018 de Outubro de 2021|Actos do presidente, Novas|

Manuel Moldes. Vieiros na memoria é a exposición coa que a sala de exposicións do campus de Pontevedra iniciou unha nova etapa, pasando a chamarse Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes. Co propósito de render homenaxe a este artista e docente, falecido en 2017, a Vicerreitoría do campus e a Facultade de Belas Artes impulsaron a iniciativa de darlle o seu nome á antiga Sala X, reinaugurándoa cunha exposición que reúne as obras que conforman a serie Vieiros, xunto con tres debuxos que Moldes realizou en 1977 e que nunca se tiñan exposto. A mostra, comisariada por Sara Donoso, pon de relevo o interese do pintor “polo debuxo, polo grafismo, non só como disciplina autónoma, senón tamén aplicado á pintura” e protagonizada por unha serie que Moldes comezou a desenvolver pouco despois de iniciar a súa etapa como profesor na facultade.

Na presentación, en representación da  familia, interveu a viúva, May Díaz Cacheda, quen agradeceu que desen o nome de Manuel Moldes a un espazo emprazado nunha facultade “na que Manolo pasou moitos anos dando clase e na que foi moi feliz”. “Esta homenaxe por parte da Universidade é algo que tiña que ser”, engadiu o vicerreitor do campus, Jorge Soto, que destacou como Moldes “quixo e construíu Pontevedra desde a súa creatividade, desde a súa xenerosidade persoal e desde o cariño”. O decano de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán, destacou a Moldes “como unha persoa moi próxima”, que representaba “o artista feliz por antonomasia”, á vez que puxo en valor “a conexión que tiña coa cidade e coa propia facultade”, na que deixou “unha herdanza de bonhomía e dun talante xeneroso nese amor á arte”.

O acto contou coa participación do reitor Manuel Reigosa, do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, do secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia Anxo Lorenzo, do presidente do Consello Social da Universidade, Ernesto Pedrosa, da concelleira de Cultura Carme Fouces, do deputado provincial Gregorio Agís, e da coordinadora da sala, Chelo Matesanz, así como docentes da facultade e representantes do tecido cultural da cidade.

A exposición Vieiros na memoria

Unha vista da exposición.

A mostra, explicou a comisaria Donoso, reúne unha serie de obras que “desenvolveu na súa maior parte entre finais dos anos 90 e principios da década do 2000”, e que agrupa “imaxes ao óleo sobre lenzo e cartolina con obras en papel milimetrado e debuxos realizados sobre follas de caderno”, nun diálogo “que reivindica a expresión artística máis aló do soporte e do seu formato”. O papel do debuxo, dos trazos e liñas como punto de partida para “dotar de vida as ideas” cobran nese senso un papel central neste conxunto de obras abstractas, de “espírito labiríntico” e que levan tamén “a pensar na natureza”, engadiu Donoso.

A exposición poderá visitarse ata o 15 de decembro.