Colaboracións e patrocinios

Celebráronse as Xornadas de Investigación Campus Crea co apoio do Consello Social

2021-11-18T18:30:46+00:0015 de Novembro de 2021|Colaboracións e patrocinios, Novas|

O xoves 11 de novembro celebraronse na Escola de Enxeñaría Forestal as Xornadas de Investigación Campus Crea, un espazo de encontro de persoas en proceso de doutoramento para dar a coñecer o traballo propio e, á vez, coñecer as liñas de estudo doutros investigadores e investigadoras. Estiveron organizadas pola Vicerreitoría co patrocinio do Consello Social e reuniron ao redor de 20 investigadores e investigadoras que quixeron dar a coñecer  as investigacións que desenvolven no marco das súas teses por medio dunha serie de pósters.

“Penso que é unha actividade moi enriquecedora para eles, porque entran en contacto cun formato moi habitual nos congresos”, salienta o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, que incide en que plasmar unha investigación nun póster obriga a “explicar o traballo dun xeito moi concreto e sintético”.  Máis aló de “pór en valor, co apoio do Consello Social, ás investigacións da xente nova”, estas xornadas buscaban tamén contribuír a pór en contacto investigadores de diferentes eidos. “Queríamos tamén que houbese certo cruce de información, en canto a que se reúnen ámbitos moi diferentes, xa que sempre poden xurdir colaboracións que a priori poden difíciles de ver”, sinala Souto, que incide en que “o espírito do Campus Crea é buscar a interdisciplinariedade, que xente de diferentes ámbitos sume esforzos para crear cousas novas”.