Colaboracións e patrocinios

UVigo SpaceLab –co apoio do Consello Social– un dos tres finalistas europeos do Copernicus Masters

2021-11-26T11:06:35+00:0025 de Novembro de 2021|Colaboracións e patrocinios, Novas|

Logo de gañar os certames galegos organizados pola Axencia Espacial Europea (ESA), Galileo e Copernicus Masters 2021, o equipo UVigo SpaceLab foi quen de quedar finalista a nivel europeo do Copernicus Masters co proxecto Caminito, abreviatura de Camera Based Infraestructure Integrity Tracking From Orbit, unha proposta na que as imaxes da constelación Copernicus serían usadas para a xestión e coidado do Camiño de Santiago. “Estamos entre os tres finalistas europeos do talent de Copernicus e o 14 de decembro sairemos de dúbidas se quedamos primeiros ou non”, explica Manuel Diz, director executivo responsable de xestión de proxectos do equipo UVigo SpaceLab, que o día 23 de novembro recollía de mans da directora xeral de Zona Franca, Inés González e do reitor os premios a nivel galego Galileo e Copernicus Masters 2021.

O proxecto Caminito, é, segundo os seus autores e autoras “unha proposta revolucionaria onde as imaxes da constelación Copernicus serían usadas para a xestión e coidado do Camiño de Santiago”. O obxectivo do proxecto é achegar información para a prevención e actuación ante posibles incidencias, así como para o estudo da vexetación e masas de auga para detectar posibles desprendementos, e en xeral, calquera ameaza para a seguridade das e dos peregrinos.

O Copernicus Masters é un certame que se celebra desde o ano 2011, por iniciativa da Axencia Espacial Europea, como parte da súa misión de fomentar a captación de usuarios do programa e Observación da Terra Copernicus. Nesta década máis de 3000 persoas de 70 países participaron no certame, que premia as mellores ideas innovadoras e desenvolvementos que usan datos de observación da Terra para abordar desafíos sociais e empresariais. Máis dun cento de persoas gañaron ata o de agora o concurso, que outorgou nestes dez anos uns 4,3 millóns de euros.

O Consello Social é unha das entidades que apoia o UVigo SpaceLab.