Discursos do presidente

Palabras do Presidente na entrega dos III Premios Consello Social UVigo_Humana

2021-12-22T17:00:31+00:0021 de Decembro de 2021|Discursos do presidente, Responsabilidade social, UV-Humana|

Temos asumido que unha imaxe vale máis que mil palabras. Pero os tempos cambian. E hai algunhas palabras que, xuntas, non necesitan imaxes. Polo que transmiten e polo que propician, polo que suman e polo que evocan. Por exemplo: danos e alivio, soidade e compañía, necesidades e solucións, adversidade e comprensión.

Volvemos reunirnos para ennoblecer o ser humano. Para deixar testemuño de que nos importa e queremos ser mellores como cidadáns e como sociedade. E o mellor modo de facelo é apoiándonos en quen o saben facer, fano e ensínannos a ser mellores. Guiandonos por quen acenden as luces solidarias e os fachos para alumarnos o camiño prudente, humilde e inequívoco da xenerosidade, o afecto e o estar xusto onde axexan o desánimo, a frustración e a tristeza.

Porque con estes recoñecementos non só premiamos o labor feito, tamén queremos estimular a obriga moral, o compromiso e a importancia de seguir adiante nesta militancia do ánimo. Porque somos conscientes de que a cooperación e o voluntarismo produce efectos inmediatos, pero tamén fecundan un cambio positivo de mentalidades, de actitudes e de comportamentos. Que nos fai mellores a todos como sociedade, e que nos axudan a educar, fortalecer e sementar valores.

O Premio Consello Social-UVigo_Humana é unha marabillosa referencia iconográfica da universidade e da súa valiosa capacidade para estar e promover o que realmente importa. Porque a vida, máis aló dos plans, proxectos e ilusións, cobra sentido cando exercita a capacidade de estar onde a súa presenza importa, máxime cando se perdeu toda esperanza. Porque a vida mesma son necesidades, situacións e instantes inaprazables e urxentes.

E nesa militancia altruísta recoñecemos a universidade. E eu recoñezo esta iniciativa á que dan vida a vicerreitora Maribel Doval e Henar Quintas desde o Área de Responsabilidade Social e Cooperación. Con este acto, a UVigo está a tecer unha sólida rede de sensibilidade e afecto.

Por iso, máis que felicitar, quero agradecer o traballo de quen hoxe premiamos. Da Coordinadora galega de ONGD para o Desenvolvemento. Polos seus 30 anos de traxectoria; pola súa demanda constante dunha política galega de calidade no mundo da cooperación, creando un movemento galego cohesionado neste campo, con 50 sedes e 23 mil colaboradores. E porque todas as entidades integradas na coordinadora afrontan grandes desafios globais, con proxectos en países de América Latina, Africa e Asia.

E tamén á ONG AIRE (Asociación integral de rescate de emerxencias). Pola súa axuda humanitaria a persoas vulnerables en situación de desarraigamento, refuxiadas, vítimas de conflitos ou forzadas a migrar. Alivian o sufrimento e protexen a dignidade humana dos desposuídos dos seus dereitos máis elementais.

É unha honra e unha obrigación valorarlos polo que fixeron. Mais, por favor, non deixen de facelo nunca. Vostedes son a nosa esperanza. Vostedes crean conciencia. Teñen a valentía, a coraxe e a xenerosidade cos que podemos facernos a ilusión de que imos ser mellores. Porque son vostedes luces acesas… non para asombrarnos e pasmar, como en Vigo ou nos beléns italianos onde colocan a figura dun marabillado da gruta posto aí con cara de extasiado para ver o que hai ao seu redor e contaxiarnos o seu asombro, para que miremos extasiados o que nos rodea…  Non, vostedes son luces, ás veces longas, ás veces curtas, ás veces intermitentes, que sinalizan presenzas reconfortantes e tráennos a cálida mensaxe de que non estamos sós.

Non quero terminar sen citar aos alumnos premiados hoxe polos seus traballos de Fin de Grao e Fin de Mestrado. Flavia Barrio, Lucía España, Paula Cristina González, Lucía Lobelle, Bruno Portela e Gabriel Eduardo Suárez. É un orgullo atoparvos aquí. Grazas polos vosos esforzos e por aproveitar as vosas demostradas capacidades. A sociedade tamén mellora convosco. Parabéns.

Grazas vicerreitora e grazas ao xurado do Premio Consello Social-UVigo_Humana. Hoxe enchéstesnos de boas noticias. E de poderosos motivos para a esperanza. Nesta dirección acompañarémosvos sempre.

Vigo, 20 de decembro de 2021.