Colaboracións e patrocinios

Un estudo realizado coa colaboración do Consello valora nun 80% as persoas egresadas da UVigo afectadas pola fatiga pandémica

2022-07-26T12:14:53+00:0022 de Xullo de 2022|Colaboracións e patrocinios, Discursos do presidente, Novas|

“Un elevado número de persoas que participaron no estudo sobre o impacto da segunda onda da pandemia, solicitounos que abordásemos o impacto da pandemia na saúde mental, e así o fixemos, logo que os estudos anteriores se dedicasen máis especificamente a cuestións socio-laborais”, explican Luís Espada Recarey e Víctor Manuel Martínez Cacharrón, director e analista de datos, respectivamente, do Observatorio de Persoas Tituladas da UVigo. Con este obxectivo elaboraron un cuestionario, tentando que non fose invasivo ao tratarse dunha materia sensible, “con preguntas sobre os efectos da pandemia no estado de ánimo xenéricas, sen entrar nunca, por unha cuestión de privacidade, en sintomatoloxía (episodios de ansiedade, crises de estrés, trastornos de conduta…) ou en aspectos persoais. Non queríamos facer epidemioloxía, aínda que se trate dun estudo sobre o impacto dunha pandemia”, indican os autores.

Produto das reflexións anteriores preséntase o terceiro e derradeiro informe de seguimento sobre o impacto laboral da pandemia nos antigos estudantes da UVigo elaborado polo Observatorio de Persoas Tituladas da Universidade de Vigo, Estudo sobre o impacto laboral da pandemia Covid-19 durante o ano 2021 nas persoas tituladas da UVigo (Xaneiro- Setembro 2021), incorpora, respecto dos seus antecesores, unha novidade que o converten nunha publicación pioneira e única no sistema universitario español. 2530 titulados e tituladas da UVigo foron enquisados entre setembro e novembro de 2021 para este estudo que avalía o período comprendido entre xaneiro e setembro e no que, xunto á novidade do impacto emocional da pandemia, tamén se recolleron as súas opinións sobre o impacto da crise por covid nos ámbitos sanitario, laboral e no modo de traballo, analizado en anteriores traballos, o que permite establecer comparativas homoxéneas entre os diferentes períodos avaliados.

O estudo sinala que en resposta ás preguntas sobre os aspectos nos que máis lles impactou a pandemia ás e aos egresados, o primeiro, foron con moita diferenza, os aspectos emocionais (77,8%), por diante dos aspectos laborais (45,2%) ou económicos (20,6%), especialmente ás mulleres, 81,2%, fronte ao 72,9% de homes. Pola contra, tamén se advirte que os homes son máis optimistas sobre a mellora da economía doméstica a corto prazo (30,5% fronte o 18,8%), e tamén sobre a volta á vella normalidade (35,3% e 19,7%).

IR Á PUBLICACIÓN DO INFORME

A implicación do Consello Social nestes estudos

Tanto este estudo como os anteriores contaron coa colaboración do Consello Social.  O seu presidente, Ernesto Pedrosa, considera que o Observatorio “está a construír novos marcos mentais e novos valores para interpretar a realidade que forxan xuntas a sociedade e a universidade. Aquí hai unha socioloxía rica e vertical construída con 2.500 opinións que nos axudarán a aprender novos modelos de comportamento, cribar erros e axustar enfoques”, sinala Pedrosa, para quen “a valiosa rede de embaixadores propios que ten a UVigo no mundo permítenos entender mellor a situación e elaborar pedagoxías consecuentes. A universidade, unha vez máis, volve para nos abrir portas onde non as víamos”, asegura.

A valoración do presidente do Consello sobre o informe

Con este estudo, o Observatorio que dirixen Luis Espada e Víctor Cacharrón está a construír novos marcos mentais e novos valores para interpretar a realidade que forxan xuntas a sociedade e a universidade.

Este traballo que se presenta, amosa perfís, datos e comportamentos singulares cando non sorprendentes. Visto polo miúdo, digno de reflexión paréceme o feito de que as mulleres se visen bastante ou moito máis afectadas emocionalmente que os homes (un 49,6% fronte ao 28,4%), ou que a preocupación por contaxiarse chegase o 55,5% no caso das mulleres e quedase no 36,3% no caso dos homes. Pola contra, tamén se advirte que os homes son máis optimistas sobre a mellora da economía a corto prazo (30,5% fronte o 18,8%), e máis optimistas tamén sobre a volta á vella normalidade (35,3% e 19,7%).

Hai outros datos igualmente rechamantes, como o menor optimismo en Galicia sobre o futuro, que a carga de traballo se focalizou maiormente nas mulleres, ou que o 4,1% dos titulados tiveron que pechar os seus negocios.

Aquí hai unha socioloxía rica e vertical construída con 2.500 opinións que nos axudarán a aprender novos modelos de comportamento, cribar erros e axustar enfoques. A valiosa rede de embaixadores propios que ten a UVigo no mundo permítenos entender mellor a situación i elaborar pedagoxías consecuentes. A universidade, unha vez máis, volve para nos abrir portas onde non as víamos.

A maior gratitude ós profesores Espada e Cacharrón por fornecernos do coñecemento necesario para entender que unha pandemia trae consecuencias, pero tamén oportunidades.

Ernesto Pedrosa

 

Máis información na nova publicada polo DUVI