228 M€, o maior orzamento da UVigo, foi aprobado polo Consello Social no últim o pleno de 2022

2023-01-02T13:24:41+00:0030 de Decembro de 2022|Novas|

Despois de ser aprobado no claustro e no consello de goberno, a proposta de orzamentos da Universidade de Vigo para o ano 2023 rematou o mércores 28 de decembro a tramitación coa aprobación no Consello Social, que celebrou no campus de Ourense a última sesión de 2022. Dáse luz verde ao maior orzamento da historia da institución académica, que supera por primeira vez os 200 millóns de euros, situándose concretamente en 227.915.618 euros.

Imaxe de equipo do Pleno do Consello Social na súa última reunión de 2022

Ernesto Pedrosa, presidente do Consello destacou, que o pleno tivo fundamentalmente contido de trascendencia económica. Pedrosa amosou satisfacción por celebrar a reunión na cidade de Ourense. “Tras anos nos que a pesar da pandemia, a Universidade de Vigo fixo un traballo ‘impecable’, apróbanse agora uns orzamentos ‘equilibrados’ que amosan como a Universidade está en plena forma, tendo un presente moi bo e un futuro tamén moi bo”. Neste senso, subliñou igualmente que por parte da Xunta de Galicia “hai un bo plan de financiamento das tres universidades galegas que cumpre as expectativas”.

Nesta sesión plenaria tamén se deu luz verde á creación do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación. Xurdido como unha evolución necesaria da agrupación estratéxica CITACA, tras decidir a Xunta non financiar este tipo de estruturas, o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación nace coa vocación de converterse nunha referencia na promoción, a través da I+D+i, da transición cara a sistemas agroalimentarios máis resilientes, sostibles e seguros. Saúde e calidade do solo; xestión e valorización de subprodutos; xestión e manexo de cultivos e calidade e seguridade dos alimentos, son as prioridades deste instituto que contará con 17 liñas de investigación e 24 investigadores garantes e promotores. Tras esta ratificación, o seguinte paso será a celebración da primeira reunión da xunta directiva deste instituto para que empece a funcionar.