Xoves 16 de marzo en Vigo e mércores 22 en Ourense son as datas fixadas para a celebración da II edición da feira EMPREGOinCAMPUS, actividade que brinda á comunidade universitaria, sobre todo ao alumnado dos últimos cursos, a oportunidade de coñecer de primeira man as oportunidades profesionais de máis dun cento de empresas de distintos sectores. “Trátase tanto de pór en contacto ao estudantado e ás persoas que acaban de saír das aulas con entidades externas que buscan talento universitario como tamén de axudarlles a preparar as súas candidaturas da mellor maneira posible”, salienta a directora da Área de Emprego e Emprendemento Maruxa Álvarez, que explica que unha das novidades desta segunda edición é a creación da caseta Pasaporte de Emprego, un espazo específico da Área de Emprego e Emprendemento na que se darán consellos sobre como mellorar o currículo, como afrontar as entrevistas… “e no que tamén contaremos cunha fotógrafa profesional para que as persoas que queira poidan facer unha foto coa que actualizar o seu CV e redes sociais profesionais”.
No campus de Vigo a feira será, ao igual ca na anterior edición, nas facultades de Ciencias Económicas e Empresariais e en Ciencias Xurídicas e do Traballo, se ben este ano tamén se uniron á organización as facultades de Bioloxía, Ciencias do Mar e Química, “o que agardamos redunde nunha maior afluencia do alumnado e, polo tanto, nunha maior efectividade no cumprimento do obxectivo para o que se organizan estas feiras”, recalca Álvarez, quen salienta que a organización da feira conta co apoio, ademais da propia Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade, do Consello Social, o Concello de Vigo e o Eures Transfronteirizo Galicia-norte de Portugal.
En Ourense a cita será no pavillón universitario o mércores 22 de 10.00 a 19.00 horas e, neste caso, cóntase –a maiores- coa colaboración da Vicerreitoría do campus de Ourense, como representante dos centros, e da Deputación de Ourense. “Aquí estamos aproveitando toda a experiencia coa que contan a Facultade de Dereito e a Escola Superior de Enxeñaría Informática na organización dos foros de emprego que xa viñan organizando desde hai anos”, explica Álvarez.
Rexistro e presentación de candidaturas
A entrega dos CV ás empresas farase a través dun código QR que se xera no momento da inscrición. As persoas interesadas en asistir, tanto estudantes como persoas xa tituladas, poden facelo en EMPREGOinCAMPUS Vigo, en EMPREGOinCAMPUS Ourense ou en ambas.