O curso 24/25 comeza oficialmente o día 9 de setembro e para acoller ao novo alumnado celébranse en cada campus xornadas de benvida que dun xeito lúdico e distendido amósanlles a que será a súa Universidade durante, como mínimo, os catro vindeiros anos. Os días 4, 5 e 6 de setembro son as datas elixidas para dar a benvida en cada un dos campus. Nelas poderase coñecer a institución, os servizos e a información necesaria para desenvolver a vida universitaria.
As citas serán o día 4 en Ourense, no pavillón universitario, o día 5 en Pontevedra na Escola de Enxeñaría Forestal e, finalmente, o día 6 en Vigo no pavillón do campus. En cada unha das xornadas poderán obter información sobre a institución, os seus dereitos e deberes, sobre os servizos informáticos, o transporte e aloxamento, o voluntariado e asociacionismo, as bolsas e axudas que poden solicitar e a oferta académica complementaria que ofrece o Centro de Posgrao e Formación Permanente ou o Centro de Linguas. Tamén coñecerán a Biblioteca Universitaria, os programas de mobilidade, as iniciativas de fomento do emprego e do emprendemento e as actividades de extensión universitaria e de benestar, saúde e deporte. Ademais, tamén atoparán postos de atención á diversidade, da Unidade de Igualdade e das delegacións e asociacións de estudantes. Ao longo de toda a xornada tamén haberá música e agasallos, como a axenda 2024/2025 que publica o Consello Social.
Para o alumnado internacional
Coincidindo con estas datas, os tres campus tamén acollerán os actos de benvida ao alumnado estranxeiro que cursará nas aulas da UVigo ben o primeiro cuadrimestre, ben o curso completo. Para eles hai deseñados actos paralelos que comezarán ás 10.00 horas, no caso de Ourense na Aula Magna da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; en Pontevedra, na aula 6 da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e en Vigo no paraninfo do edificio Ernestina Otero.
Ademais de coñecer o resto de alumnado internacional tamén coñecerán o persoal da Oficina de Relacións Internacionais, que serán as e os encargados de darlles a charla informativa, así como aos membros da asociación ESN Vigo, que lles presentarán a súa iniciativa Buddy Program. Tamén coñecerán a oferta de cursos de español que ofrece o Centro de Linguas e enfrontaranse tras estas charlas ás probas de nivel de español.