As egresadas e os egresados da UVigo que contan cun título de doutoramento tardan menos tempo en atopar traballo, teñen unha maior taxa de ocupación e tamén uns ingresos maiores. Así se desprende do Estudo de inserción laboral das persoas tituladas en estudos oficiais de grao, mestrado e doutoramento da UVigo no curso 2020/2021 presentado o luns 23 de setembro no edificio Redeiras. O informe foi realizado polo Observatorio de Persoas Tituladas co apoio do Consello Social da UVigo durante o ano 2023 e recolle os resultados dunha enquisa na que participaron 800 egresados e egresadas nese curso nos tres niveis de estudos que se imparten na institución académica viguesa.
Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da UVigo e Luis Espada, director do Observatorio de Persoas foron os encargados de dar a coñecer as conclusións xunto con Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo e Víctor M. Martínez Cacharrón, técnico/analista de datos do Observatorio de Persoas Tituladas.
Unha inserción laboral superior á media
O presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, reafirmou o seu compromiso para seguir apoiando este tipo de estudos que o Observatorio comezou a facer en 2014 e que “nos sitúan como unha universidade pioneira en España”. O director do Observatorio Luis Espada agradeceu a colaboración da Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade, da dirección da Escola Internacional de Doutoramento (Eido), da Área de Calidade, da Unidade de Análises e Programas e do Servizo de Xestión de Estudos de Posgrao na execución dos traballos necesarios para realizar o estudo. O reitor da Universidade, Manuel Reigosa, recoñeceu estar satisfeito cos resultados do estudo, que amosa que a taxa de desemprego das e dos egresados de doutoramento no curso 2020/2021 é do 2,7%, mentres que para as e os que completaron un mestrado é do 11,2% e para as e os de grao, do 8,5%, o que implicaría segundo, Reigosa, que os datos de inserción laboral das e dos titulados da UVigo “son superiores á media e, ademais, demostra que cantos máis estudos se cursan, máis posibilidades de atopar emprego”.
Un estudo pioneiro e único
Os resultados presentados abarcan a empregabilidade das persoas graduadas en todos os estudos oficiais que integran a oferta académica da UVigo: un total de 121 titulacións e programas de doutoramento. Por isto, o director do Observatorio, Luis Espada, recalcaba que “estamos perante un estudo pioneiro e único no Sistema Universitario de Galicia e extraordinario, por pouco frecuente, no Sistema Universitario de España, pois, nun acto de total transparencia, divulga información da inserción laboral de todos os egresados en estudos oficiais ofertados por unha universidade pública para o mesmo curso de egreso (2020/2021)”.
Luis Espada debullou polo miúdo os datos, comezando pola división por xénero, que amosa que as mulleres son maioría nos tres niveis; 58,4% nos graos, 56,2% nos mestrados e 56,8% nos doutoramentos. No que atinxe ás ramas de coñecemento, o eido xurídico-social é o maioritario, xa que o alumando das titulacións desta rama representa un 55,4% no caso dos mestrados; un 43,7% nos graos e baixa ao 35,1% no doutoramento. Os autores do estudo destacan un “significativo maior peso da rama científica en doutoramento (30,6%), chegando a triplicar a súa presenza en graos e mestrados (8,5-9%). A rama tecnolóxica é menos frecuente en doutoramento (17,1%) que en graos e mestrados (24-25%).
O estudo consta de tres informes finais, un por cada tipoloxía de estudos e os correspondentes resumos executivos. Cada informe contén unha análise en detalle dos resultados das enquisas de inserción laboral aplicadas consistente en múltiples comentarios sobre os resultados obtidos en función de diferentes variables de segmentación, así como 1574 cadros, 141 anexos e 31 mapas.
Na ligazón de abaixo toda a información