Actos do presidente

María Emilia Casas, maxistrada e primeira muller en presidir o Tribunal Constitucional, investida doutora honoris causa

2024-10-21T10:29:24+00:0021 de Outubro de 2024|Actos do presidente, Novas|

    María Emilia Casas Baamonde foi a persoa máis nova en acceder á maxistratura do Tribunal Constitucional, en 1998, e a primeira muller en presidilo, cargo que exerceu desde o 2004 ata o 2010, etapa recoñecida como “a época dourada da xurisprudencia constitucional”. Dende o venres  18 de outubro Casas Baamonde é tamén a primeira muller xurista en incorporarse ao Claustro de doutores honoris causa da Universidade de Vigo. A institución académica viguesa celebrou a súa cerimonia de investidura no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais nun acto ao que asistiu o presidente do Consello Social e no que exerceu como padriño o catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social Jaime Cabeza Pereiro.

    Tras a entrada no salón de actos da comitiva académica, a cerimonia de investidura arrancou coa lectura por parte da secretaria xeral, María José Bravo Bosch, dos acordos de Consello de Goberno polos que se nomeou doutora honoris causa desta Universidade a María Emilia Casas, intre tras o cal procedeu á súa entrada na sala, acompañado do seu padriño e da propia secretaria xeral.

    Na súa laudatio, o profesor Cabeza fixo un percorrido pola traxectoria profesional e académica de quen considera “testemuña e axente da defensa dos dereitos fundamentais e dos principios de igualdade e non discriminación”, “unha das persoas máis decisivas para o noso marco democrático de relacións laborais”.

    Tras pronunciar a gabanza da doutoranda, o padriño impúxolle o barrete, o libro da ciencia, o anel e as luvas brancas, intre no que a admirada e recoñecida maxistrada tomou a palabra.

    Lección maxistral sobre o futuro da UE e do seu modelo social

    Foto de familia do evento

    As primeiras verbas de Casas Baamonde foron para expresar o seu “máis profundo e emocionado agradecemento” á Universidade de Vigo, “coa que sempre mantiven unha estreita relación de colaboración”, por un recoñecemento ao que se referiu como “o maior logro da vida académica, o supremo grao”, destacando, neste sentido, que “este doutoramento marca un fito moi importante, inesquecible, na miña vida”. Mención expresa fixo ao Departamento de Dereito Público Especial, ás facultades de Ciencias Xurídicas e do Traballo e de Dereito, ao Consello de Goberno e, de xeito moi especial, ao seu padriño, “cuxa valía intelectual e dedicación constante a esta Universidade permitiulle formar un excelente grupo de investigación”. Así mesmo houbo tamén palabras de agarimo para os numerosos docentes que acudiron a este acto chegados das universidades de Santiago de Compostela, Coruña, Complutense de Madrid, León, Valladolid… así como ao alcalde de Monforte de Lemos, Xosé Tomé Roca, e os excaldes Severino Rodríguez e Nazario Pin, “proba da atención e coidados persoais que o Concello de Monforte sempre brinda aos seus”.

    Deixando claro o seu sentido de “pertenza e amor a Galicia”, Casas Baamonde lembrouse tamén neste día, entre outras moitas persoas ás que fixo referencia, do admirado profesor Manuel Alonso Olea, o seu director de tese, e do recentemente falecido xurista lucense Germán Barreiro, “amigo da alma”.

    Feitos os recoñecementos, meteuse de cheo no seu discurso de ingreso, titulado O futuro da Unión Europea e do seu modelo social. Un estado de benestar europeo?, elección realizada froito “da preocupación que acapara o actual momento da Unión ante o inminente inicio dunha nova lexislatura, e os diagnósticos sobre a non boa saúde das grandes transicións dixital, climática, enerxética e demográfica”, así como o que considerou unha “deficiente institucionalización política e integración económica, excesivo Dereito” e “unha débil situación xeopolítica ante a súa falta de soberanía/autonomía estratéxica, que a fai dependente do exterior”.

    Desde o seu punto de vista, Europa debe prepararse para afrontar cambios radicais. Na mesma liña, salientou que esa preocupación e necesidade de cambios afectan tamén ao denominado modelo social, “ou con terminoloxía aínda menos comprometida e evanescente, á súa dimensión social e, por consecuencia, aos dereitos do traballo e da seguridade ou protección social dos Estados”. Seguindo este fío criticou a desaparición na conformación da nova Comisión do Departamento de Asuntos Sociais, existente desde 1967, substituído por unha presidencia de Persoas, Habilidades e Preparación.

    Concluído o discurso, con lembranzas para o poeta monfortino Manuel María e para a súa familia, o reitor fíxolle entrega da medalla da Universidade de Vigo á xa nova doutora honoris causa da Universidade de Vigo.