Na imaxe, membros do Consello reitor que asistiron á xuntanza constituínte.
O Campus Auga vén de completar o seu modelo de gobernanza coa constitución, o martes 19 de novembro, do seu Consello Reitor. Este novo e definitivo paso prodúcese despois de se ter acreditado en febreiro como campus de especialización do Sistema Universitario de Galicia por parte da Xunta.
O Consello Reitor é o órgano de goberno do Campus Auga. Actúa como garante do correcto funcionamento da actividade, asumindo as funcións de dar conta das actuacións ao Consello de Goberno da Universidade de Vigo, de analizar a información que en relación ao Campus Auga transmiten os diversos centros e de atender os informes dos Comités Consultivos deste proxecto de especialización.
Está composto por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense; Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación; José Alberto Díez, secretario xeral de Universidades da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia; Roberto Ignacio Fernández, director do Campus Auga e un representante do sector empresarial, neste caso procedente do Grupo Coren. O Consello Social está presente por medio de Ramón Blanco, do Grupo Valtalia. Nesta páxina pode consultarse a estrutura de goberno do Campus Auga.
Asesorado por dous comités
O Consello Reitor está asesorado por dous comités consultivos, garantes do cumprimento de obxectivos e accións do Campus Auga: Un Comité de Persoas Expertas, integrado por profesionais de recoñecido prestixio nos ámbitos científicos das temáticas da auga, e un Comité Socio-Empresarial, formado por asociacións empresariais, clusters, administracións públicas e outras entidades da eurorrexión Galicia-norte de Portugal relacionadas coas liñas de especialización do Campus Auga.
A Dirección do Campus Auga actúa como secretaría deste Consello Reitor exercendo as tarefas de responsabilidade da coordinación e do funcionamento do Campus Auga. Para iso conta coa colaboración e apoio dun Comité de Dirección, que se encarga da toma e execución de decisións operativas estruturándose en catro áreas aliñadas cos ámbitos estratéxicos de actividade do Campus Auga: docencia, investigación, internacionalización e transferencia/emprendemento. Este comité está integrado polo director do Campus Auga, actuando como presidente, cinco vogais membros do persoal docente e investigador do campus de Ourense e o xestor da oficina técnica do Campus Auga, que actúa como secretario.