Colaboracións e patrocinios

Mar Caldas –artista e docente– e Carlos Fer –estudante de doutoramento– reciben os V Premios Crea

2025-11-19T17:59:02+00:0019 de Novembro de 2025|Colaboracións e patrocinios|

Dar a coñecer unha serie de investigacións de diferentes ámbitos, que teñen a creatividade como nexo de unión, foi o obxectivo da xornada promovida o venres 14 de novembro polo Campus Crea na Escola de Enxeñaría Forestal. Na iniciativa, que contou co apoio do Consello Social, dez estudantes de doutoramento deron a coñecer as súas liñas de traballo e se fixo entrega dos V Premios Crea, destinados a recoñecer estudos, publicacións e obras conectadas coas catro áreas do proxecto de especialización do campus de Pontevedra, que afondan nas conexións da creatividade coa arte, o deseño, a comunicación e a educación.

Promovidos co apoio da Deputación de Pontevedra, o premio correspondente á categoría dirixida ao persoal docente e investigador foi para Retrato de familia no que a artista e profesora de Belas Artes Mar Caldas, reflexiona sobre a súa historia familiar para denunciar a violencia exercida pola ditadura franquista. O proxecto parte da súa película 12 de maio de 1937, que toma o título da data na foi fusilado o seu avó materno, dando pé a un conxunto de obras reunidas a comezos de 2025 nunha exposición no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

Letting the Painting Fall / Deixar a Pintura Caer presentouse na Sint-Lukas Gallery de Bruxelas.
Arriba, foto principal: Retrato de familia presentouse en xaneiro no CGAC. Foto: CGAC

Na modalidade dirixida ao estudantado, o xurado decidiu premiar Letting the Painting Fall / Deixar a Pintura Caer, proxecto expositivo que o estudante de doutoramento de Belas Artes Carlos Fer desenvolveu nunha estadía de investigación en Bruxelas, no que reflexiona sobre os modos de presentación da pintura, convertendo a gravidade nunha técnica pictórica.

Galardóns aos mellores pósters

A estes premios sumáronse os galardóns aos mellores traballos presentados nesta Xornada de Investigación Crea, na que estudantes de diferentes programas de doutoramento deron a coñecer as súas liñas de traballo. O primeiro premio foi para a investigadora do grupo Well-Move, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Nerea Blanco, polo traballo de validación da versión en castelán dun cuestionario dirixido a avaliar “as dificultades funcionais do trastorno de desenvolvemento da coordinación” en poboación infantil. Ademais, foi recoñecida co segundo premio a investigación que Antonio Doñate, da Facultade de Deseño, centra na contribución de Xohán Ledo, quen fóra director de arte de Galaxia, á “construción do imaxinario gráfico galego”.

Precedido pola presentación que as e os estudantes fixeron dos seus pósters, este acto de entrega de premios contou coa participación da vicerreitora do campus, Eva María Lantarón; o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez, e a directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, quen lembrou que “a filosofía destas xornadas é dar visibilidade á investigación sobre a creatividade que se está realizando en Galicia”. Lantarón, pola súa banda, puxo de relevo que o campus de Pontevedra atópase “en pleno proceso de especialización”, co obxectivo de acadar a acreditación por parte da Xunta de Galicia dun “campus moi característico”, articulado arredor da creatividade, á vez que salientou o apoio da Deputación ao Campus Crea. O seu vicepresidente sinalou que este proxecto fai do campus pontevedrés algo “distinto do que se fai en calquera outro sitio”, así como a importancia da creatividade “nun mundo moi cambiante”.