O Consello Social aproba o orzamento da UVigo para 2026, o máis alto da historia con 251,1M€

2026-01-07T18:28:12+00:0030 de Decembro de 2025|Novas|

Tras a súa presentación no Claustro e a súa votación no Consello de Goberno, o Consello Social da Universidade de Vigo procedeu este luns á aprobación definitiva do orzamento da institución académica para 2026, que ascende á cifra récord de 251.111.612 euros, a máis elevada na historia da UVigo. No pleno desenvolvido na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, este órgano deu o prace por asentimento a un orzamento que presenta un incremento de preto de 2,7 millóns, o 1,1% do total, con respecto ao do exercicio de 2025.

Así mesmo, o pleno do Consello Social ratificou o teito de gasto da Universidade para o vindeiro exercicio orzamentario, que ascende a un importe de 251,1 millóns de euros, tras a súa aprobación previa no Consello de Goberno.

A aprobación do orzamento corresponde aos consellos sociais, de tal xeito que aínda que se traballe na Xerencia e noutros órganos correspondentes dentro da Universidade, en primeira instancia, e posteriormente na comisión de planificación da Universidade e na comisión económica do Consello Social, a súa aprobación definitiva corresponde ao pleno do Consello.  Nesta cuestión incidiu o presidente, Ernesto Pedrosa, que puxo en valor o traballo desenvolvido para “pulir determinadas cuestións” antes da aprobación definitiva deste orzamento.

Membros do Consello no último pleno do ano 2025 celebrado en Pontevedra

O presidente do Consello Social salientou así mesmo a “gran participación e presenza” das e dos integrantes deste órgano “tanto nas comisións como nos plenos”, que fan deste “un dos consellos sociais con maior participación de España”, así como o seu desexo de “ter a mesma sintonía que ata o de agora” co novo equipo de goberno da Universidade tras as eleccións á Reitoría que terán lugar en 2026.

O pleno deu así mesmo o seu visto e prace ao orzamento do Consello Social para 2026 e procedeu á aprobación definitiva da creación e participación da UVigo no capital social a spin-off NexoInn, unha empresa orientada ao desenvolvemento de catalizadores e membranas fotocatalíticas, destinadas á obtención de produtos de alto valor engadido. Do mesmo xeito, tras o seu paso por Consello de Goberno, o Consello Social informou favorablemente o cambio de nome do Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais polo de Instituto de Investigación en Física, Computación e Ciencia Aeroespacial (Ifcae), así como pola modificación do acrónimo do Instituto de Investigación en Ciencias do Deporte a Cidega. Aprobouse tamén a aceptación dunha doazón á UVigo por parte da Asociación de Tradutores Galegos, consistente na cesión gratuíta dos contidos que integran a súa Biblioteca Virtual de Literatura Universal en galego.