Fotografía de J.V. Landín no Atlántico
O Observatorio de Persoas Tituladas da UVigo cumpre dez anos desde a súa creación polo Consello Social. Durante esta década, consolidouse como unha unidade especializada de referencia no seguimento periódico da inserción laboral dos antigos estudantes da UVigo, achegando datos estratéxicos de alta calidade para a institución.
O proxecto foi aprobado inicialmente pola Comisión de Actividades e Servizos do Consello Social o 3/2/2016 e, hai agora dez anos, ratificado polo Pleno do 29/4/2016. A súa misión, obxectivos e funcións están plenamente amparadas nas competencias dos Consellos Sociais establecidas na Lei Orgánica 2/2023 e na Lei 6/2013 do SUG.
Ao longo destes dez anos, o Observatorio elaborou unha vintena de estudos sobre empregabilidade. O máis recente e ambicioso é o Informe sobre a inserción laboral das persoas tituladas en estudos oficiais da UVigo entre 1990 e 2024, recentemente presentado nun evento que contou coa asistencia do reitor Reigosa e do presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa. Este estudo analiza 35 promocións de egresados e revela unha taxa de ocupación do 91,9%, salarios competitivos e altos niveis de satisfacción coa formación recibida na UVigo. Ademais, sinala que as taxas de ocupación dos nosos alumni superan a medias galega, española e europea.
O Observatorio mantén unha activa presenza pública a través da súa páxina web, perfil en LinkedIn (con máis de 5000 seguidores), canle de YouTube e numerosas aparicións en medios de comunicación.
Valor estratéxico
A información xerada polo Observatorio é fundamental para a UVigo, pois permite:
- Participar con datos actualizados en rankings universitarios nacionais e internacionais, como o ARWU-Xangai ou QS.
- Cumprir cos requisitos de acreditación da ACSUG para títulos de grao, máster e programas de doutoramento, así como centros ou campus de especialización.
- Actualizar o Portal de Transparencia, os informes de calidade dos centros e os indicadores de empregabilidade para o Contrato-Programa.
- Apoiar a toma de decisións en materia de mellora da calidade docente e inserción profesional.
Compromiso co futuro
O Consello Social da UVigo vén apoiando de forma continua o Observatorio desde a súa creación, recoñecendo o seu importante papel estratéxico. O Observatorio reafirma o seu compromiso de seguir achegando datos rigorosos e actualizados que contribúan ao avance da nosa universidade e ao éxito profesional dos seus egresados nun mundo cambiante.
Luís Espada Recarey
Director do Observatorio
Artigo publicado no Faro de Vigo o 30 de abril de 2025