A segunda edición da Olimpíada da Enerxía celebrouse o 29 de abril na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, consolidando esta iniciativa como un punto de encontro para o fomento do coñecemento enerxético, a divulgación científica e o pensamento crítico entre o alumnado de secundaria.
Nesta edición participaron preto de 70 estudantes procedentes de cinco centros educativos de distintos puntos de Galicia: IES do Castro (Vigo), SEK International School Atlántico (Pontevedra), IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), IES Lagoa de Antela (Xinzo de Limia) e IES Río Cabe (Monforte de Lemos).
A competición desenvolveuse ao longo de toda a xornada, estruturada en diferentes bloques de actividades. Durante a mañá tiveron lugar as probas principais de carácter académico e comunicativo: o “Test individual” de coñecementos xerais, a proba de “Divulgación Científica” e a proba de “Debate”.
Diversas probas realizadas ao longo da xornada
Ademais destas probas presenciais, tamén se avaliaron outras dúas actividades que o alumnado preparara previamente nos seus centros e que se presentaron en formato de exposición durante a xornada. Por unha banda, a proba “Mulleres Enerxéticas”, centrada na elaboración de fichas divulgativas sobre mulleres referentes no ámbito da enxeñaría da enerxía, contribuíndo a visibilizar o papel feminino no sector. Por outra, a proba de “Fake News”, orientada a identificar, analizar e desmontar informacións falsas relacionadas coa enerxía.
Un dos aspectos máis destacados desta edición foi a dimensión interxeracional incorporada na proba de divulgación científica, que contou coa participación como público do alumnado do Programa Universitario de Maiores (PUM). Esta iniciativa xerou un espazo de intercambio especialmente enriquecedor, achegando a ciencia a diferentes xeracións e poñendo en valor a importancia da comunicación científica.
Pola tarde, a xornada continuou cunha actividade paralela de carácter máis dinámico: unha xincana enerxética na que os equipos estiveron formados de forma mixta, integrando alumnado dos distintos centros participantes. Esta proposta tivo como obxectivo non só reforzar os contidos traballados durante a mañá, senón tamén fomentar a interacción social, o traballo colaborativo e a creación de vínculos entre o alumnado.
En canto aos resultados, os premios estiveron moi repartidos entre os distintos centros participantes, reflexo do alto nivel demostrado ao longo da xornada. Na clasificación por centros, o primeiro premio foi para o IES Lagoa de Antela (Xinzo de Limia), mentres que o segundo posto o obtivo o IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela).
O Consello Social apoiou o evento.
Relación de premios:
| Coordinación | Responsable |
|---|---|
| Test individual | Rafael Abuelo Ferreiro (IES Plurilingüe Rosalía de Castro). |
| Mulleres Enerxéticas | Empate
IES Lagoa de Antela: Gabriela Enríquez Blanco, Uxía Lorenzo Barja, Laura Rivero Blanco, Carolina Pérez Pérez, Lara Conde Gómez, Gabriel Lama Feijóo. IES Río Cabe: Breogán Almisas Varela, Gema Criado Álvarez, Sandra López Fernández. |
| Divulgación Científica | IES Plurilingüe Rosalía de Castro: Ainara Bascoy Quintela, Roi Blanco Villaverde, Elena Carro Prado, Lúa Otero Lenzós, María Viana Vázquez. |
| Debate | IES Lagoa de Antela: Lucía Gómez Feijóo, Hugo Camino García, Bruno Virtus Vieira, Carolina Pérez Pérez, Lara Conde Gómez. |
| Fake News | IES do Castro: Malena Serra Basalo, Carlota Barros Varenkow, Nathalia Zerpa Benedito, Paula Alonso, Pablo Xabier Aira Iglesias, Elena González Vázquez |
| Premio Enerxéticas ás mellores alumnas | Lucía Gómez Feijoó (IES Lagoa de Antela) e Lara Conde Gómez (IES Lagoa de Antela) |
| Premio mellor estudante da ESO | Lara Conde Gómez (IES Lagoa de Antela) |
| 2º Premio – Centros | IES Plurilingüe Rosalía de Castro |
| 1º Premio – Centros | IES Lagoa de Antela |
Abaixo galería de imaxes de centros e participantes premiados














