O salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais acolleu a homenaxe da Universidade de Vigo ao Consello Social polo seu 30 aniversario, un acto no que tamén se recoñeceu a figura do seu presidente, Ernesto Pedrosa. O reitor en funcións, Manuel Reigosa, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, coincidiron en destacar o papel de “ponte” que durante tres décadas desempeñou o Consello Social entre a institución académica e a sociedade, así como “talento, talante e compromiso” de Pedrosa, que recibiu unha placa e un diploma en distinción ao seu labor á fronte do órgano durante os últimos 15 anos.
A presidencia do Consello estivo ocupada desde 1996 por Alfonso Zulueta de Haz, que en 2003 pasaría a Emilio Atrio Abad (2003-2011) e, desde entón, por Ernesto Pedrosa, que lembrou no seu discurso “o traballo colectivo de moitas persoas que, ao longo destas tres décadas, contribuíron a fortalecer os vínculos entre o Consello, a UVigo e a sociedade. Un traballo a maioría das veces calado, oculto, pero enormemente eficaz para a institución”.
Talento, talante e dedicación: as voces do recoñecemento

Ernesto Pedrosa recibe a placa e o diploma de recoñecemento de mans de Reigosa e Rueda
Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social desde 2011, foi o eixo central da homenaxe. Natural de Ourense e cunha ampla traxectoria no ámbito empresarial e social galego, Pedrosa acumula 15 anos de dedicación ao órgano colexiado, que compatibilizou coa súa actividade profesional e coa súa participación na Conferencia de Consellos Sociais de España, onde na actualidade forma parte da súa comisión executiva. Durante o seu mandato, o Consello Social impulsou iniciativas como os premios UVigo Humana, a creación do Observatorio de Persoas Egresadas e a promoción de estudos sobre o impacto económico da UVigo, e reforzou o papel do órgano como elemento clave na relación entre a universidade e o tecido produtivo galego.
Pedrosa subliñou que, máis aló da supervisión económica e a planificación estratéxica, os Consellos Sociais cumpren a función de achegar a sociedade aos centros de educación superior, sendo “instrumentos de diálogo, cooperación e visión estratéxica compartida co goberno da institución”. Nuns tempos cambiantes, sinalou a cooperación entre o Consello e a sociedade, entre institucións e empresa, e entre coñecemento e experiencia como a razón de ser do órgano que preside. Tras trasladar os seus desexos de éxito ao novo equipo reitoral, asegurou que “o Consello Social seguirá sendo o mellor aliado para que a UVigo continúe sendo de gran transcendencia para o futuro da nosa terra”.
Pola súa banda, o presidente da Xunta eloxiou o traballo do Consello Social e salientou a súa vontade “de contribuír ao progreso da Universidade de Vigo sempre desde o diálogo e o consenso”, e agradeceu a Pedrosa “o seu talento, talante e dedicación”. Rueda reafirmou o compromiso da Xunta coas universidades, facendo fincapé na gratuidade da matrícula, unha medida pioneira que en setembro comezará o seu terceiro curso en vigor e que supón para as familias galegas un aforro anual de 7,7 millóns de euros.
O reitor en funcións gabou o papel do Consello Social, “no que atopamos compañía, axuda e agarimo”, e lembrou que, aínda que naceu para cumprir os requisitos da rendición de contas, o seu principal valor foi ser “ponte entre a universidade e a sociedade”. Reigosa repasou algunhas iniciativas apoiadas polo Consello nos últimos anos, como os premios UVigo Humana, o Observatorio de Persoas Egresadas e o impulso aos campus de especialización Auga e Crea. “Ernesto, considérote un amigo e douche as grazas polo traballo que fixeches durante este tempo”, concluíu.
A UVigoTV preparou un vídeo do acto: