A ciencia botouse ás rúas das principais cidades galegas, o 25 de setembro, por sexto ano consecutivo, co gallo da celebración da G-Night. Un cento de investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo, de todos os seus centros —atlanTTic, CINBIO, Cintecx e CIM—, coa colaboración doutras entidades como a Fundación CEER, o IIS Galicia Sur e os centros interuniversitarios Citmaga e Ecobas, trasladaron a súa actividade a diversos emprazamentos de Vigo, Ourense e Pontevedra, onde centos de persoas descubriron de xeito aberto e participativo os principios e aplicacións do seu labor. A iniciativa, coordinada pola institución académica viguesa no marco da Noite Europea das Persoas Investigadoras —celebrada en máis de 450 cidades de Europa—, contou co apoio do Consello Social da Universidade de Vigo.

A G-Night na praza do Berbés
En Vigo, o edificio Redeiras e a praza do Berbés convertéronse en grandes espazos de experimentación científica onde se concentrou a maior parte das corenta actividades da xornada. O público puido achegarse á bioloxía, a química, as matemáticas, a enxeñaría, a intelixencia artificial, a robótica, a aeronáutica, a exploración espacial ou a alimentación funcional, cun teatriño de títeres sobre o papel das nenas e das mulleres na ciencia, un obradoiro de microscopía e acuicultura e mostras de aeronaves e foguetes de UVigo Aerotech, o monopraza de UVigo Motorsport ou prototipos de satélites e robots para a exploración de covas lunares. A xornada completouse coa charla Novos retos en cancro, a cargo de María Mayán (CINBIO) na Biblioteca Xosé Neira Vilas, e cun paseo en barco a bordo de Inndaga, a embarcación do CIM, para coñecer os fondos da ría.

En Ourense: Ciencia no bar
En Ourense, a G-Night desenvolveuse na cafetaría Ceres 1894, coa celebración de dúas charlas. A primeira, Poden ser sexistas as campañas institucionais contra o sexismo?, organizada polo Grupo de Estudos en Traballo Social: Investigación e Transferencia (GETS-IT) , abordou o sexismo institucional nas campañas contra a violencia machista mediante unha metodoloxía participativa baseada na visualización, análise e debate. A segunda, do Grupo de Colaboración e Innovación para a Equidade Educativa e Social, titulouse Estudar e traballar: reto ou oportunidade? e ofreceu unha aproximación divulgativa e crítica á formación dual universitaria, explicando as súas características, a súa crecente presenza na educación superior e os dilemas que xera a súa implantación.

Roteiro Lorca en Pontevedra
En Pontevedra, a xornada arrincou seguindo os pasos de Federico García Lorca pola cidade, nun roteiro organizado co Colectivo Xurelo e guiado polo escritor Quique Mauricio e a profesora Ana Acuña, que permitiu percorrer os espazos visitados polo poeta nas súas viaxes de 1932 e abordar a súa pegada na literatura contemporánea. As actividades continuaron cos coloquios Ciencia no bar na taberna Nasa, coa participación da vicerreitora do campus, Marián Fernández. A investigadora Paula Frieiro (GETS-IT) presentou os resultados dunha investigación sobre a conduta suicida na mocidade galega, incidindo nos factores de risco e protección e desmontando mitos frecuentes, mentres que Cristina Míguez (Post-Growth Innovation Lab) reflexionou sobre o grao de cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible nos municipios españois, a partir do proxecto Plataforma ODS.
Durante a visita institucional á feira da praza do Berbés, a reitora da UVigo, Carmen García Mateo, subliñou que “unha universidade pública debe xerar coñecemento, pero tamén compartilo e facelo comprensible e útil para a sociedade”, e destacou o valor da G-Night para que “nenas e nenos poidan achegarse á ciencia e á investigación”. O Consello Social da Universidade de Vigo reafirmou o seu compromiso coa divulgación científica e coa proxección social do coñecemento, apoiando unha iniciativa que se desenvolveu de xeito coordinado nos tres campus e en colaboración co conxunto do sistema galego de investigación.