A Facultade de Filoloxía e Tradución (FFT) e o Instituto de Investigación Lingua da UVigo organizaron, do 21 ao 26 de setembro, a terceira edición da Semana das Linguas, as Literaturas e a Tradución, unha iniciativa que contou co patrocinio do Consello Social e que trasladou a actividade investigadora, creativa e divulgativa do centro universitario ao corazón de Vigo. Coincidindo coa celebración dos días internacionais das Linguas de Sinais e da Tradución e do Día Europeo das Linguas, o programa incluíu cursos, faladoiros, mesas redondas, xornadas de formación e un festival, co obxectivo de celebrar a diversidade lingüística e cultural e favorecer o encontro entre linguas e culturas.
As actividades abertas ao público arrincaron o mércores 23 co faladoiro “Letras en Feminino”, na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, no que as docentes e investigadoras Ánxela Lema París (UVigo), Elisabeth Sánchez Tocino (Universidad de Cádiz), Leyre Martín Aizpurue (Universidad de Sevilla) e Ane Irizar Melero (Universidad Complutense) combinaron literatura, tradución, galego, éuscaro e unha aproximación ás literaturas africanas e medievais. A reitora da UVigo, Carmen García Mateo, xunto á vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, deu a benvida ás persoas asistentes e puxo en valor as humanidades “nun momento marcado pola IA e por transformacións sociais e tecnolóxicas, no que as linguas, a literatura e a tradución son fundamentais para interpretar discursos, comprender outras realidades e convivir”. A reitora destacou ademais a diversidade como idea central da Semana, “un bo exemplo dunha UVigo aberta, presente e conectada coa sociedade”.

Deseños que anuncian algunhas das actividades da Semana
O xoves 24 celebráronse dúas actividades: a “Xornada Investiga no museo Marco”, dirixida a estudantado de doutoramento, mestrado e grao que presentou os seus traballos de investigación, e a mesa redonda “Da idea ao libro: as máns invisibles” na Casa Galega da Cultura, coordinada e moderada por Carla Figueiras e Blanca Miranda, na que participaron as escritoras Paula Merlán e Ana Varela, o escritor Manuel Esteban, a tradutora Tamara Andrés e representantes das editoriais Catro Ventos, Galaxia e Malafera. O venres 25 tivo lugar a “III Xornada de formación para profesorado de idiomas” na Escola Oficial de Idiomas de Vigo, co obxectivo de transferir á sociedade os resultados da investigación en lingüística aplicada.
O sábado 26 de setembro, a Praza do Berbés acolleu o Festival das Linguas, que pechou a Semana cunha programación distribuída por zonas e para todos os públicos. Ao longo do día sucedéronse charlas, intervencións artísticas, obradoiros de catrinas, encadernación, djembé ou deseño de manga, xogos tradicionais de varios países e obradoiros de danza afro, K-pop, baile vasco, irlandés ou clases rápidas de linguas que abrangueron desde o alemán ata o portugués. Entre as actividades destacadas figurou a entrega do XIX Premio Internacional de Manga de Xapón á ilustradora arousá Emma Ríos pola súa obra Anzuelo, da man da agregada de Cultura da Embaixada de Xapón en España, Yuka Hayashi, así como a charla da propia autora, Deseñando Anzuelo: reflexións sobre o proceso creativo. O festival pechouse ás 19.00 h cunha batucada da Asociación Aperta, sesión de DJ e sorteo de produtos de Rei Zentolo, Aifalaches, Alfar artesanía, Comics Vigo, Óptica Diagonal e Irlanda Tours/Bives Tours.