O curso académico 2026/2027 do Sistema Universitario Galego (SUG) botou a andar o martes 8 de setembro na Universidade de Vigo cun acto institucional celebrado no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, presidido polo titular da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e pola reitora da UVigo, Carmen García Mateo. Na mesa tamén estaban os reitores da USC e da UDC, Rosa Crujeiras e Ricardo Cao; o presidente do Consello Social da UVigo, Ernesto Pedrosa; e os seus homólogos Cecilia Sierra (Compostela) e Antonio Abril (A Coruña). Unha imaxe que reflicte a colaboración institucional entre as tres universidades e os seus órganos de participación social.
A reitora da UVigo puxo voz ás preocupacións compartidas polas tres universidades: o absentismo do alumnado, o desaxuste entre oferta e demanda de prazas nas titulacións e o financiamento. García Mateo apostou por revitalizar os campus e por unha universidade entendida como “unha comunidade na que se aprende a pensar, argumentar, escoitar e convivir”, e reclamou un Plan de Financiamento do SUG “suficiente, estable e ambicioso” que permita investir no talento, na capacidade de innovación e no futuro do país. Pola súa banda, Alfonso Rueda confirmou que o novo Plan de Financiamento volverá medrar ata acadar o maior investimento público no Sistema Universitario Galego e expresou o seu convencemento de que se acadará un acordo entre as universidades e a Xunta.
O acto, que reuniu unha ampla representación dos ámbitos académico, político e social, iniciouse coa lección inaugural do catedrático da UVigo José Cidrás Pidre, quen percorreu os máis de 125 anos de historia da electricidade, desde a iluminación e a electrificación da sociedade ata a liberalización do sector eléctrico. Entre as autoridades asistentes figuraron o conselleiro de Educación, Román Rodríguez; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro; o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra; así como vicerreitores, decanos, exreitores da UVigo e numerosos membros da comunidade universitaria.
UVigoTV preparou unha serie de vídeos. Nesta ligazón podes ver a totalidade do acto e abaixo un breve resumo do mesmo: