Vigo acolleu os días 1 e 2 de outubro a XXII edición do Encontro de morfólogos, un simposio organizado por docentes da Facultade de Filoloxía e Tradución e do instituto iLingua da Universidade de Vigo e que contou co patrocinio do Consello Social. O evento, que se desenvolveu no edificio Redeiras, reuniu a trinta especialistas de doce universidades diferentes, algunhas delas estranxeiras, e supuxo a segunda vez que esta cita se celebra en Vigo, tras a primeira edición de 2010 impulsada polo profesor Antonio Rifón, falecido en 2022.
A lembranza de Rifón centrou o acto de inauguración, celebrado na tarde do xoves 1 coa presenza da secretaria xeral da UVigo, Emma Rodríguez; da profesora do Departamento de Linguas Española e presidenta do comité organizador, María Méndez; e da profesora da FFT Susana Rodríguez Barcia, encargada da laudatio. Nela repasouse a pegada que “Antón” deixou entre colegas como David Serrano Dolader, Elena Felíu ou Ivo Buzek, e sobre todo entre os seus compañeiros e compañeiras de facultade, departamento e grupo de investigación, guiando a intervención a través das palabras do propio docente nunha entrevista de 2014. Méndez subliñou que se trata dun “encontro pequeno, coqueto pero moi unido” que serve tamén como lembranza do profesor, “o noso guía, o noso compañeiro, o noso mestre, e aquí estamos para seguir a súa senda morfolóxica”.
Baixo o título “Tecer morfoloxías: estudos contrastivos e diversidade lingüística”, o programa apostou por unha mirada máis holística e interlingüística dos fenómenos morfolóxicos, retomando os últimos traballos de Rifón e abrindo o foco á inclusividade e á diversidade de linguas. A xornada do venres comezou coa conferencia de María José Rodríguez Espiñeira (Universidade de Santiago de Compostela) sobre o contacto español-galego e os cognados e copias léxicas na derivación adxectival, á que seguiron as intervencións de Francisco Xosé Dubert (Instituto da Lingua Galega) arredor do xénero nos substantivos galegos e de Aida Villaécija (Universitat Pompeu Fabra) sobre os procesos léxicos, derivativos e flexivos na lingua de signos catalá, que pechou o simposio. As comunicacións e pósters abordaron temas como os parasintéticos en composición, o estudo contrastivo dos neoloxismos entre o chinés mandarín e o español, a linguaxe non binaria en galego, o abreviamento na lingua deportiva ou a flexión verbal non estándar en textos de estudantes. O Consello Social reafirmou co seu patrocinio o compromiso coa investigación lingüística e a proxección científica da universidade.