A 34ª edición da Semana de Cine Submarino da UVigo, que se celebra do 3 ao 5 de novembro no auditorio de Afundación, pecharase coa estrea mundial de O bosque de carrumeiro, unha peza producida polo Consello Social, o CIM e a Vicerreitoría de Extensión da UVigo, dirixida por Xaime Beiro, Silvia Iglesias e Jorge Martínez. A proxección, dunha trintena de minutos, achegará ao público á gran diversidade dos bosques de algas pardas das augas galegas e aos comportamentos nunca vistos dos animais que os habitan, cun traballo filmado integramente na costa galega.
O certame reúne unha ducia de proxeccións internacionais e locais, entre elas Dhanguethi. Recordos de Alif Dhaa de Jorge Martínez Vázquez, Tesoros del Caribe de Ana Salceda, Norway, welcome to the darkness de Sonja Bader, The Tiny Wonders of Anilao Philippines 2025 de Valera Sakhnenko, O reto dos lixos mariños de Sara Lizarra e Shark Preyed de Marco e Andre Spinelli, entre outras. As sesións contan coa participación de convidados como a xornalista e cineasta Ana Salceda, o catedrático de Ecoloxía Ricardo Beiras e os autores da peza estreada. Ademais, o día 3 concéntrase unha sesión matinal para preto de 320 escolares, dedicada ás producións galegas.
Na presentación, a vicerreitora de Estudantes e Vida Universitaria, Dolores González, salientou que a Semana “non só mantén a atracción, senón que segue a medrar” tras 34 anos, e agradeceu a colaboración de Afundación. Pola súa banda, o catedrático da UVigo e codirector do certame, Jesús Souza, puxo en valor a calidade das pezas e dos coloquios, así como a importancia de abordar problemas como os plásticos nos océanos. Co seu patrocinio e coa produción de O bosque de carrumeiro, o Consello Social da Universidade de Vigo reafirma o seu compromiso coa divulgación científica e coa proxección social do coñecemento sobre o medio mariño.