Informe do Presidente ao Pleno do 10 de novembro de 2026
Control interno
Di o artigo 59.3 da LOSU que as universidades deben dispoñer de unidades administrativas que exerzan funcións de control sobre a súa actividade económica: «As universidades desenvolverán un réxime de control interno, que contará, en todo caso, cun sistema de auditoría interna. O órgano responsable deste control terá autonomía funcional no seu labor e non poderá depender dos órganos de goberno unipersoais da universidade».
Para explorar este asunto, a modo informativo, foi convocada pola Comisión Económica a responsable de control interno da UVigo, para expoñer a súa opinión e o seu criterio.
Entre as conclusións do seu ponderado informe sinala que a LOSU non especifica o órgano colexiado de adscrición da unidade de control interno, pero garante a autonomía funcional do seu labor. É o mesmo argumento que sostivo no seu momento a anterior secretaria xeral da UVigo. Pero ese mesmo argumento podería esgrimirse tamén, ao contrario, como fixo o Consello de Contas cando en 2007 respondía a este Consello Social que nada se especifica na normativa universitaria respecto a encadrar as funcións de Control interno, «polo que non habería ningún obstáculo para que se efectúe baixo dependencia do Consello Social».
Outra das conclusións do informe é que, desde a publicación da LOSU, as universidades tenden maioritariamente a que a dependencia sexa do Consello de Goberno. E unha última conclusión do informe, moi importante, de Margarita Cabaleiro, precisa que o debate «non parece ser a adscrición orgánica da unidade de control interno ao CS fronte ao CG, senón cal é o obxectivo principal da adscrición, isto é, se a independencia institucional ou a mellora da xestión:
- Se o obxectivo principal é a eficacia operativa, o acceso inmediato á información, a xestión de riscos, a mellora continua e a capacidade de achegar valor directamente na xestión, podería parecer correcta a adscrición ao Consello de Goberno.
- Se o obxectivo principal é a independencia, a obxectividade, a rendición de contas e a separación entre a función fiscalizadora e a función xestora, a adscrición ao Consello Social podería ser a opción.
Contén o informe outras reflexións de interese sobre cara a onde debería avanzar o Control Interno, que lles recomendo coñecer e que poderán atopar no informe que se lles remitiu.
Agora agardaremos pola nova lei autonómica. Non toca ir máis alá neste asunto ata entón.
Contas
En relación coa liquidación de contas de 2025, que chegan a este Consello Social co atraso imputable a causas que vostedes coñecen, só unha reflexión: son tempos que requiren decisións, e non fáciles, está claro. E debemos analizalas desde a convicción de que a estabilidade financeira é condición necesaria para preservar a autonomía universitaria e desenvolver con garantías un proxecto institucional sólido nos próximos exercicios. Cónstame que o novo equipo está comprometido en actuar con responsabilidade institucional. Ese debe ser o camiño. Conten co Consello Social.
Plan antifraude
Velar polo cumprimento dos principios éticos e de integridade académica constitúe un compromiso esencial da comunidade universitaria.
Os órganos encargados de protexer os dereitos dos membros da comunidade universitaria son actores cos que o Consello Social debe establecer canles de colaboración e comunicación, respectando sempre as súas respectivas competencias e garantindo a debida confidencialidade.
A implicación do CS pode exercerse de xeito efectivo mediante diversas actuacións.
Congratulámonos do nomeamento de Xosé Henrique Álvarez como coordinador do Plan antifraude, responsabilidade na que lle pedimos que desterrase as malas prácticas, sen que iso sexa incompatible coa indulxencia debida ás persoas, máxime nunha institución tan requirida e posta por modelo ético como é a universidade.
Amosamos neste punto a nosa maior disposición a colaborar e intervir, e terémolo máis claro cando se desenvolva a LOSU nunha normativa autonómica, que debería reforzar a independencia dos Consellos Sociais para garantir a transparencia e a ética nas universidades públicas.
Benvida
A UVigo completou a súa representación neste Consello Social, coa designación do profesorado, do PTXAS e do estudantado. Por orde:
- Xosé Enrique Vázquez, vicerreitor de gobernanza, estratexia e economía, catedrático de Organización de Empresas desde 2017 con doutoramento europeo, con estancias de investigación en Dinamarca, Brasil, Lisboa, Reino Unido, entre outras; e nas españolas Pompeu Fabra e Carlos III, entre elas.
- Ana Isabel González Penín. Licenciada en Dereito pola USC, responsable de Recursos Humanos de investigación desde 2025, e exdirectora da Unidade de Igualdade.
- E Juan Santos Grandal, estudante de cuarto de Enxeñaría Eléctrica. Cursou estudos do Grao en Enxeñaría de Organización Industrial na Academia Xeral Militar, con experiencia como oficial cadete e experto en datos de Artillería. Preside o Consello de Estudantes da UVigo desde 2024.
Sexan benvidos. Agradecémoslles de antemán a súa axuda nos cometidos deste Consello Social, que seguro será moi valiosa.
E termino agradecendo a asistencia de Rodrigo Cerviño, vinculada fundamentalmente aos puntos 9 e 13 da Orde do día. Sempre son moi esclarecedoras e completas as súas achegas e reflexións, máis neste momento por ser bo coñecedor dos antecedentes de asuntos que imos tratar e servir como ponte ao novo equipo de goberno. Porque diría eu que Rodrigo Cerviño é a persoa da Universidade que mellor coñece o Consello Social, as súas necesidades, as súas prioridades e as súas preocupacións no campo económico. Sexa tamén benvido.