Saltar ao contido

[Actualización vídeos] O Consello colabora coa celebración dos 50 anos de excelencia, innovación e servizo á sociedade na Escola de Enxeñaría Industrial

Colaboracións e patrocinios
Novas

A Escola de Enxeñaría Industrial (EEI) da Universidade de Vigo acolleu a xornada conmemorativa do 50 aniversario da creación da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais (ETSEI), que botou a andar en 1976. O acto, que se prolongou durante dúas horas, reuniu a representantes do ámbito académico, empresarial, industrial e social para poñer en valor a historia do centro, a súa contribución ao desenvolvemento da contorna e reflexionar sobre os principais retos da enxeñaría do futuro. A mesa contou coa presenza da reitora, Carmen García Mateo; o director da EEI, José Fariña; o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, entre outras autoridades.

Durante a súa intervención, a reitora salientou o carácter público da institución e o valor de todas as persoas que a integran. Recordou o primeiro día de actividade docente da ETSEI en outubro de 1976, cando foron os propios docentes e o bedel quen descargou as mesas e cadeiras da Escola, para subliñar que “as institucións constrúense co traballo e co compromiso das persoas”. Así mesmo, fixo un chamamento a seguir fomentando as vocacións femininas na enxeñaría e rematou exhortando a manter a ilusión e a ambición que fixeron posible os éxitos do centro.

Pola súa banda, o director da EEI, José Fariña, agradeceu o apoio das institucións e da comunidade universitaria, destacando que, a pesar das extraordinarias transformacións tecnolóxicas vividas nestes 50 anos, o centro mantivo intacto o seu “compromiso coa excelencia, o rigor académico, a innovación e o servizo á sociedade”. A xornada incluíu ademais un relatorio sobre industria, talento e innovación a cargo de Carlos Castaño (Borgwarner) e unha mesa redonda con profesorado xubilado e directivos de empresas, que compartiron recordos e reflexións sobre o pasado e o futuro da enxeñaría.

Como colofón, presentouse o libro do ex reitor e director do Observatorio de Persoas Egresadas, Luis Espada, unha obra que recolle este medio século de historia dos estudos en Vigo e cuxa edición contou co apoio do Consello Social. Cómpre lembrar que a EEI celebra este ano tamén os 125 anos da creación da súa antecedente, a Escola de Artes e Industrias de Vigo, e que desde 2011 é o resultado da unión dos dous centros históricos, consolidándose como un referente na formación de talento para a industria galega.

UVigo TV fixo unha serie de vídeos deste evento. Abaixo podes ver un resumo e facendo clic aquí, a serie completa.

Universidade de Vigo