O Consello colabora no encontro que xunta 80 especialistas en procesos de oxidación avanzada cara unha auga máis limpa
A Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo acolle desde o 4 de novembro e ata o venres 6 a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), unha cita científica internacional que reúne 80 especialistas en procesos de oxidación avanzada aplicados á descontaminación da auga. A organización local está liderada por Ángeles Sanromán e Marta Pazos, investigadoras de Cintecx, co apoio do comité internacional integrado por Luigi Rizzo, Sixto Malato e Camila Amorim, e o evento conta co patrocinio do Consello Social da UVigo. No encontro participan grupos de investigación de España, Portugal, Polonia, Irlanda e Italia.
O obxectivo principal do simposio é promover o intercambio de coñecementos científicos e tecnolóxicos no eido dos AOP, fomentar o debate entre investigadores de prestixio internacional e apoiar a formación de persoal investigador novo, especialmente estudantes de doutoramento e bolseiros posdoutorais. O programa combina conferencias plenarias, comunicacións científicas, sesións de pósteres, mesas redondas e actividades de debate, cunha primeira xornada centrada nos fundamentos dos procesos e unha segunda dedicada ás súas aplicacións e habilidades complementarias.
Na apertura participaron Manuel Martínez, vicerreitor de Investigación da UVigo; David Patiño, director do Cintecx; José Fariña, director da EE Industrial, e as dúas organizadoras, que coincidiron en destacar a importancia de abordar a auga como un reto global e de tecer sinerxías entre universidade, centros de investigación e sector empresarial. Como peche, os asistentes visitarán o venres as instalacións de tratamento de augas residuais e a planta potabilizadora de Aqualia, e o encontro rematará cunha mesa redonda sobre o pasado e futuro da IPS-AOP e coa entrega dos premios ao mellor póster e á mellor presentación breve.