Xornada de recoñecemento ao Celta de Vigo á transparencia e á divulgación non financeira
O luns 8 de xuño ás 17:00 horas, o Salón Rexio de A SEDE do Celta de Vigo acollerá un encontro promovido por LALIGA e o Consello Xeral de Economistas de España (CGEE) para facer entrega ao Celta do selo de recoñecemento á transparencia e á divulgación non financeira, unha distinción que sitúa o club vigués como referencia estatal. Baixo o título “O valor invisible do club: sustentabilidade, transparencia e futuro no Celta”, celebrarase unha mesa redonda con Javier Tebas (presidente de LALIGA), Marián Mouriño (presidenta do Celta) e Miguel Vázquez Taín (presidente do CGEE), precedida pola intervención da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana. O responsable de Sustentabilidade de LALIGA, David Baixauli, abordará tamén a integración da sustentabilidade na estratexia dos clubs profesionais.
Durante o encontro analizaranse o valor de marca dos clubs, a transparencia, a rendición de contas, a sustentabilidade corporativa, a xeración de confianza entre os grupos de interese e o impacto social das entidades deportivas, así como as tendencias futuras da xestión no fútbol profesional. Asiste o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa.