O presidente do Consello clausurará o II Congreso Internacional de Xestión da Balneoterapia
O campus de Ourense acollerá os días 22 e 23 de setembro o 2º Congreso Internacional de Xestión da Balneoterapia, que se celebrará na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo baixo o lema “Innovación, saúde e territorio ante o reto demográfico”, con arredor dun centenar de asistentes e preto de 70 traballos científicos. O Congreso conta coa colaboración do Consello Social da UVigo, xunto coa Universidade de Vigo, a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense. O obxectivo é ofrecer un punto de encontro para reflexionar sobre o aproveitamento das propiedades terapéuticas das augas mineromedicinais, unha liña que se inscribe no marco do Campus Auga. A clausura oficial correrá a cargo do presidente do Consello Social da UVigo, Ernesto Pedrosa, que pechará dúas xornadas nas que tamén se entregarán os premios á mellor comunicación e ao mellor póster.
O programa arrancará coa conferencia inaugural de Marlies Sobczak, membro da xunta directiva da Asociación Europea de Balnearios (ESPA), e incluirá mesas redondas sobre a inclusión da cura balnearia nas prestacións do Sistema Nacional de Sanidade Pública, experiencias innovadoras de xestión de territorios termais e o papel das institucións científicas na hidroloxía médica. Presentaranse 67 comunicacións e pósters que abordan temas tan diversos como o potencial da auga termal na elaboración dunha cervexa artesá ou os fluxos de calor xeotérmicos do xacemento Ourense-cidade, e a conferencia de peche será impartida por Christian-François Roques-Latrille, da International Society of Medical Hydrology and Climatology. O congreso completarase con actividades paralelas como un ciclo de cine sobre balneoterapia no Cineclube Padre Feijoo, homenaxes a referentes do sector como Marita Souto e Luis Rodríguez Míguez, e exposicións de libros e material na Biblioteca Rosalía de Castro e na propia facultade.