O encontro “5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes” conta co apoio do Consello Social
A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá a expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga. O evento, que se celebrará na Escola de Enxeñaría Industrial, conta co respaldo da International School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (IPS-AOP), unha das redes científicas de referencia neste ámbito integrada por investigadores de 25 países, e coa colaboración do Consello Social, xunto coa propia UVigo, Cintecx, a Escola de Enxeñaría Industrial, a Escola Internacional de Doutoramento (EIDO), o Centro de Posgrao e Formación Permanente, Aqualia, o Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra. A organización local está liderada por Ángeles Sanromán e Marta Pazos, investigadoras de Cintecx.
O programa combinará ao longo das tres xornadas conferencias plenarias de especialistas de primeiro nivel, comunicacións científicas, sesións de pósteres para investigadores emerxentes, mesas redondas e actividades de debate orientadas a identificar os retos futuros da descontaminación ambiental. Entre as persoas participantes figuran expertos internacionais como André Torres-Pinto (Universidade do Porto), Grzegorz Boczkaj (Politechnika Gdańska, Polonia) y Suresh Pillai (hOllscoil Teicneolaíochta an Atlantaigh (OTA). Sligeach – Atlantic Technological University Sligo, Irlanda), xunto con investigadores nacionais de universidades como Vigo, Extremadura, València, Barcelona, Almería, Rey Juan Carlos e Santiago de Compostela. Ademais, está prevista unha visita técnica ás instalacións de tratamento de augas residuais e á planta potabilizadora de Aqualia en Vigo, coa que se busca amosar aplicacións reais destas tecnoloxías e poñer en valor a colaboración entre a universidade e o sector empresarial. Cunha previsión de arredor dun cento de asistentes, o encontro contribuirá a reforzar a visibilidade de Vigo e da Universidade de Vigo no panorama europeo da investigación e a impulsar novas colaboracións internacionais.