O iLingua reúne na segunda edición do CIIL especialistas en lingua e lingüística de dez países, co apoio do Consello
O Instituto de Investigación iLingua da UVigo organiza a segunda edición da Conferencia Internacional de Investigación en Linguas (CIIL2026) , que se celebrará os días 19 e 20 de novembro no edificio Redeiras, repetindo a mesma sede da primeira. O simposio, dirixido por Javier Pérez Guerra e coordinado por Alexandre Rodríguez Guerra, naceu o ano pasado con vocación de continuidade como fito inaugural do instituto e busca abordar contidos centrados nas súas liñas de investigación, desde a lingüística interna e a variación lingüística ata a relación entre sociedade, ideoloxía e política lingüística, as linguas, cognición e educación, a tradución e interpretación, a lingua e a literatura, a accesibilidade e as humanidades dixitais.
O programa incluirá conferencias plenarias convidadas, comunicacións e exposicións de pósteres. Nesta edición terán un lugar destacado as humanidades dixitais, a accesibilidade e o contacto lingüístico, así como a investigación arredor das aplicacións da intelixencia artificial no ámbito da lingua, a filoloxía e a tradución. Entre as persoas convidadas figuran Miguel Casas Gómez (Universidade de Cádiz e Universität Saarbrücken –Alemaña–), a escritora Teresa Moure (Universidade de Santiago de Compostela), Xosé Luís Regueira (Universidade de Santiago de Compostela) e Jorge Díaz Cintas (University College London –UK–). Ademais das plenarias, presentaranse máis de 60 comunicacións de autoras e autores procedentes de universidades e centros de investigación de Galicia, España e ata dez países diferentes, tras un prazo de presentación que pechou no verán con máis propostas das que a organización podía acoller.
Coa súa colaboración, o Consello Social reafirma o compromiso coa investigación lingüística e coa proxección internacional da Universidade.