O xoves 22 de outubro entregaranse os V Premios Alumni, cos que colabora o Consello Social
O edificio Redeiras acollerá o acto de entrega dos V Premios Alumni UVigo, cos que a Universidade de Vigo recoñece o labor persoal e profesional de persoas integrantes da comunidade de antigos estudantes, ao tempo que busca incentivar a relación da institución cos seus egresados e egresadas. Na cita, que será aberta previa inscrición a través do formulario habilitado, estarán presentes a reitora da Universidade de Vigo, Carmen García Mateo; o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa; e a vicerreitora de Estudantes e Vida Universitaria, Dolores González, entre outras autoridades académicas.
Durante a entrega outorgaranse galardóns en cinco categorías —emprendemento, humanidades, impacto social, investigación e traxectoria profesional—, e cada unha das persoas premiadas recibirá un pequeno agasallo e un diploma acreditativo co que a institución e a súa Comunidade Alumni queren simbolizar o recoñecemento da súa achega á sociedade. Ademais, farase entrega de tres premios especiais honoríficos. Unha vez rematada a entrega de galardóns, terá lugar o encontro anual de confraternidade Alumni-UVigo, un espazo no que os antigos alumnos e alumnas poderán reencontrarse cos seus docentes e compañeiros, enriquecendo así a súa rede de contactos persoais. O presidente do Consello fará unha intervención no evento.