Saltar ao contido

Resumo executivo de “O aloxamento universitario na Universidade de Vigo. Contexto, diagnóstico e retos”

Estudos e informes

O Consello Social promoveu o estudo “O aloxamento universitario na Universidade de Vigo. Contexto, diagnóstico e retos”, elaborado polos profesores da UVigo Isabel Diéguez Castrillón, Ana Gueimonde Canto e Andrés Mazaira Castro. O traballo analiza o acceso á universidade desde unha dimensión residencial e de mobilidade, estruturándose en seis apartados: marco conceptual, modelos internacionais, oferta nos tres campus, instrumentos de apoio, perspectiva do estudantado e liñas de actuación. O estudo sitúa o sistema actual no denominado modelo mediterráneo híbrido, caracterizado polo predominio do mercado privado, unha baixa provisión pública e un papel secundario da universidade.

As conclusións revelan unha cobertura residencial insuficiente e desigual: a cobertura total da UVigo é do 4,93%, por debaixo da media estatal (7,40%), con Ourense no 5,74%, Vigo no 5,41% e Pontevedra no 3,42%, o campus con menor capacidade. Ante esta limitación, o alugueiro convértese na principal vía de acceso: o 49% do alumnado vive en piso compartido e o 35% na vivenda familiar. O estudo constata un esforzo crecente —o 85% tarda máis dunha semana en atopar aloxamento e o 47% atopa bastantes ou moitas dificultades— e unha presenza institucional residual, polo que conclúe que a Universidade debe reforzar a información, a intermediación e o acompañamento, cunha plataforma propia fiable como prioridade, sen substituír o mercado privado.

Universidade de Vigo
xs