Saltar ao contido

Unha vida ao servizo da cultura e da sociedade

Zulueta presidindo o Padroado da Penzol.
[Imaxe: Fundación Penzol]

Antes e durante a súa presidencia, Zulueta de Haz desenvolveu unha intensa traxectoria no eido cultural, social e político de Galicia. Foi vicepresidente da Editorial Galaxia e presidente da Fundación Penzol e do Consello da Cultura Galega (2002-2006), así como membro fundador do Partido Galego Socialdemócrata. No eido social, cofundou xunto coa súa dona, Teresa Fernández Cabaleiro, a Asociación Juan XXIII e a Fundación Sálvora, entidades pioneiras na tutela de persoas con discapacidade intelectual. Sentíase especialmente orgulloso de impulsar a tradución e publicación da Biblia en galego a través da Editorial SEPT.

A súa presidencia do Consello Social

Zulueta presidindo o seu Consello.
Zulueta na mesa presidencial da apertura do curso académico 1997

Alfonso Zulueta de Haz foi nomeado presidente do Consello Social mediante o Decreto 85/1996, do 7 de marzo, tomando posesión ese mesmo día. Sucedía así ao primeiro presidente do órgano, nun momento delicado no que era preciso dar continuidade ao labor fundacional iniciado por Priegue.

A súa presidencia, que se prolongou durante máis de sete anos, foi a que consolidou definitivamente o Consello Social como órgano de goberno da universidade. Baixo o seu mandato, asentáronse as funcións de velar pola calidade da institución, fomentar a colaboración co tecido económico e social, e servir de ponte permanente entre a UVigo e a súa contorna.

A súa xestión caracterizouse pola capacidade de crear relacións, pola ausencia de estridencias e por unha profunda convicción na utilidade pública da universidade. Quen o coñeceron lembrárono como unha persoa que “deitaba concordia e armonía”, cunha preocupación sincera polos demais e unha fe no traballo paciente e ben feito.

Legado e recoñecementos

Zulueta recibindo a Medalla de Ouro de Galicia 2013 de mans do Presidente da Xunta de Galicia

O seu labor foi recoñecido en vida coas máis altas distincións de Galicia, como a Medalla Castelao (2000) e a Medalla de Ouro de Galicia (2013), así como a Cruz Distinguida de Primeira Clase da Orde de San Raimundo de Peñafort.

No ano do centenario do seu nacemento, a Editorial Galaxia publicou Alfonso Zulueta. Unha humanidade vivida, unha obra que percorre a súa extraordinaria traxectoria vital e que reafirma o seu legado como unha figura esencial para a cultura, a inclusión social e a universidade pública galega.

Universidade de Vigo
xs