Armando Priegue Guerra
O primeiro presidente do Consello Social da UVigo,
Priegue Guerra foi unha figura esencial na etapa fundacional da UVigo e o primeiro presidente do seu Consello Social. Catedrático de Metalurxia na antiga Escola de Enxeñaría Técnica Industrial de Vigo, a súa traxectoria vital estivo marcada por un profundo compromiso co desenvolvemento industrial, tecnolóxico e social de Galicia.

Un referente na investigación aplicada e no tecido industrial

[Fotografía Aimen]
Antes mesmo de asumir responsabilidades universitarias, Priegue Guerra xa deixara unha pegada duradeira no eido da investigación aplicada. Foi un dos principais artífices da creación de AIMEN (Asociación de Investigación Metalúrgica del Noroeste), un centro tecnológico fundado en 1967 en Vigo por iniciativa dun grupo de empresarios galegos. A súa dedicación a esta entidade foi tal que exerceu como o seu primeiro director durante case tres décadas, entre 1967 e 1995.
Baixo o seu impulso, AIMEN consolidouse como un referente nacional na investigación e prestación de servizos tecnolóxicos no ámbito dos materiais e os procesos de fabricación avanzada. En 1995, a sede central do centro tecnológico en O Porriño foi bautizada como “Edificio Armando Priegue” en recoñecemento ao seu labor fundacional.
O primeiro presidente do Consello Social
Cando se constituíu formalmente o Consello Social da Universidade de Vigo o 20 de xullo de 1995, en aplicación das leis 5/1987 e 11/1989, Armando Priegue Guerra foi nomeado o seu primeiro presidente mediante o Decreto 98/1995, do 31 de marzo (publicado no DOG o 18 de abril de 1995).
O seu nomeamento non foi casual. Xa durante a etapa constituyente da universidade (1989-1994), Armando Priegue presidira o Consello Económico e Social, o órgano que asumiu provisionalmente as funcións económicas e financeiras que hoxe corresponden ao Consello Social. Esta continuidade garantiu unha transición fluída cara ao novo órgano de goberno.
Como primeiro presidente do Consello Social, a Priegue Guerra correspondeulle velar pola calidade da institución académica, fomentar a colaboración co tecido económico e social, e servir de ponte permanente entre a Universidade de Vigo e a súa contorno. O seu mandato, con todo, foi breve: o seu pasamento en marzo de 1996 deixou vacante a presidencia, que foi cuberta por Alfonso Zulueta de Haz mediante o Decreto 85/1996, do 7 de marzo.
Aínda que o seu tempo á fronte do Consello Social foi curto, o seu labor fundacional foi decisivo para asentar as bases dun órgano chamado a xogar un papel crave na conexión entre a universidade e a sociedade galega.
Legado e recoñecementos

A contribución de Armando Priegue Guerra á Universidade de Vigo foi amplamente recoñecida pola institución. O 24 de maio de 1996, a Xunta de Goberno da Universidade acordou a concesión, a título póstumo, da Medalla de Ouro da Universidade a Don Armando Priegue Guerra.
O primeiro reitor, Luis Espada Recarey, dedicou o seu testamento sobre a etapa constituyente “á memoria de Joaquín García Picher e Armando Priegue Guerra, impulsores do nacemento desta Universidade”. Pola súa banda, o reitor José Antonio Rodríguez Vázquez (1994-1998) lembrouno como unha “persoa sobranceira” da orixe da universidade, subliñando que foi o primeiro presidente do seu Consello Social e merecedor da medalla de ouro póstuma da institución.