Os Premios Consello Social UVigo_Humana teñen por obxecto o recoñecemento por parte da Universidade de Vigo e do Consello Social do labor desenvolvido por persoas físicas, institucións e organizacións non gobernamentais –tanto galegas como internacionais– que teñan sobresaído pola súa traxectoria en calquera ámbito da solidariedade e a cooperación.
Concederanse dous premios, un a nivel galego e outro a nivel internacional. A Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación é a promotora e conta coa colaboración do Consello Social.
A necesidade de integrar o compromiso da UVigo cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible
Respecto aos premios, Ernesto Pedrosa, presidente do Consello, asegurou que “nesta época de planicies vitais, a universidade debe converterse nun sentimento vertical dentro da sociedade, e nunha inxección de valores especialmente saudables para a convivencia, o coñecemento ético, para a igualdade e para a cooperación solidaria”. Así mesmo sinalou que os proxectos que se poidan promover desde os consellos sociais, como este premio, axudarán a integrar e madurar o compromiso universitario cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) que impulsa a ONU no marco da Axenda 2030. Neste sentido valorou que non existe outra institución tan capaz de abrir camiños para reducir as desigualdades, resolver problemas reais, crear espazos para a reflexión e a creatividade e pechar simas morais, como a universidade. “Queremos contribuír a forxar unha universidade próxima, eficiente, formativa e educadora en sentido amplo, que sexa en si mesma unha testemuña dos tempos. E este parécenos un camiño axeitado para dar resposta a todas estas inquedanzas”.
Os Premios están dotados de diploma acreditativo e dun agasallo institucional que pola súa natureza non ten a consideración de subvención en especie. Os Premios non terán asignada dotación en metálico
Pódense presentar candidaturas até o tres de outubro na Secretaría.