José María Vara –Enxeñería sen fronteiras–, Natalia Zunzunegui e Antón Bouzas–Os ninguéns–
A Universidade de Vigo recoñeceu este venres á Asociación Enxeñería Sen fronteiras Galicia e ao Foro socioeducativo Os ninguéns co Primeiro Premio Consello Social UVigo-Humana, unha proposta coa que a UVigo e o seu Consello Social pretenden reforzar a función social da universidade pública.
A entrega de premios, celebrada na sala 1 do edificio Miralles e que estivo presidida polo reitor e contou coa presenza de Natalia Zunzunegui que representou o Consello en ausencia do seu presidente, Ernesto Pedrosa. Con este evento remataba a celebración da Semana da Axenda 2030 no campus, que contou coa colaboración do Consello Social. Foron tres días de relatorios, charlas, obradoiros e múltiples actividades culturais, incluído un concerto solidario, cos que se buscou sensibilizar a comunidade universitaria, especialmente ao alumnado, sobre a importancia de situar o desenvolvemento sostible, na protección do planeta e na procura de sociedades máis xustas e inclusivas.
Un premio con dúas categorías
Na categoría internacional recolleu o galardón José María Vara, fundador da Asociación Enxeñería sen fronteiras. Segundo o xurado a asociación faise co premio “polo especial vencello coa Universidade de Vigo, onde José María Vara estudou Enxeñaría de Telecomunicacións e fundou hai 26 anos xunto a outros compañeiras e compañeiros a ONG Enxeñería sen fronteiras, referente da cooperación e o desenvolvemento no noso país. A comisión considera que persoas como José María Vara son un modelo de referencia desde a Universidade para o conxunto da sociedade”.
No ámbito galego, o premio foi para o Foro socioeducativo Os ninguéns, polo seu traballo a pé de rúa, un labor co que se contribúe a visibilizar a realidade das persoas máis empobrecidas, vulnerables e excluídas. Á hora de concederlle o premio a comisión tamén valorou o activismo transformador e asembleario dos Ninguéns no ámbito sociopolítico exercido por un grupo variado de profesionais que, xunto á cidadanía, traballa coas persoas empobrecidas nun plano de igualdade e denuncia.
As persoas galardoadas recolleron os premios das mans do reitor, Manuel Reigosa e de Natalia Zunzunegui –da comisión executiva do Consello Social– que escusou a ausencia do presidente Ernesto Pedrosa, fóra de Galicia este venres por motivos laborais. Ambos destacaron a necesidade de buscar e traballar para conseguir un desenvolvemento sostible para todas e todos e que non exclúa a ninguén. “Estamos a recoñecer dous exemplos de bo facer, de xente que está comprometida por facer un mundo mellor”.