Colaboracións e patrocinios

Co apoio do Consello Social bota a andar o VII Ciclo de conferencias de Dereito Concursal

2019-11-19T19:10:48+00:0019 de Novembro de 2019|Colaboracións e patrocinios, Novas|

O profesor Pablo Fernández Carballo-Calero define como obxectivo principal do VII Ciclo de conferencias de Dereito Concursal “achegar o mundo do Dereito Concursal ao alumnado a través de profesionais moi recoñecidos no sector”. As actividades, organizadas pola Área de Dereito Mercantil da Universidade de Vigo, comezaron este martes, 19 de novembro na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. A inauguración corre da man dos directores do Ciclo Anxo Tato e Julio Costas, e do primeiro relator, Christian Herrera, profesor titular da Universitat Pompeu Fabra, que afondará na figura do administrador concursal avogado. A inscrición é totalmente gratuíta.

“O ciclo presenta un programa ambicioso no que hai un administrador concursal, un profesor de universidade, un xuíz substituto, un letrado da administración de xustiza, un representante da empresa privada e un avogado”–apuntou Fernández Carballo-Calero, coordinador do Ciclo–, que agradeceu especialmente o apoio que presta o Consello Social.

O seguinte relatorio será o luns día 25 e correrá a cargo de Guillermo Velasco, avogado e profesor do centro universitario privado CUNEF, especializado no ámbito da administración e dirección de empresas, a economía, o dereito e as finanzas. Ao día seguinte, o martes 26, Carlos Borrajo, avogado especialista en Dereito Mercantil, afondará no tema da estratexia empresarial fronte ao concurso de acredores. O luns día 2 Rafael García, da Universidade da Coruña, falará sobre a declaración de concurso, e o martes 3, José Tronchoni, secretario coordinador provincial de Pontevedra, pechará o ciclo co relatorio A función do letrado da administración de xustiza no concurso. Tras a súa intervención será o coordinador do ciclo, Pablo Fernández Carballo-Calero, quen se encargue da clausura e da entrega de diplomas.

[Informacións recollidas dunha nova do DUVI]