O obxectivo da iniciativa, tal como recollen as bases é “facilitar a mobilidade de cidadáns ourensáns, galegos e españois residentes no estranxeiro, aos seus descendentes e aos demais cidadáns estranxeiros residentes fóra de España para cursar estudos de primeiro de mestrado no campus de Ourense”. As estadías, indícase na convocatoria, proporcionarán aos beneficiarios e beneficiarias, “a oportunidade de achegarse á cultura dos seus antepasados e de coñecer en profundidade outro sistema universitario” ao mesmo tempo que se crea “unha ferramenta moi útil co fin de dar a coñecer no eido internacional a oferta educativa de calidade que na actualidade está a ofrecer o campus de Ourense”.
Dotación de 24.500 euros
Entre o alumnado estranxeiro que cada curso realiza estudos no campus de Ourense están as e os beneficiarios das bolsas Ourense Exterior. Nesta ocasión son catro persoas residentes no estranxeiro, tres procedentes de Cuba e unha de Arxentina, as que estudan un mestrado ao abeiro desta iniciativa que é froito da colaboración entre o Consello Social da Universidade de Vigo, a Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense. Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, reuniuse coas persoas beneficiarias das bolsas desta edición para coñecer como se está desenvolvendo a súa estadía e para transmitirlles o apoio da institución académica. De Blas destacou o valor singular que teñen en canto permiten a descendentes de galegos estudar na terra dos seus antepasados ao mesmo tempo que inciden na internacionalización do campus. “Agardamos que teñades unha estadía moi proveitosa con nós”, díxolle a vicerreitora ás e aos bolseiros.