Colaboracións e patrocinios

Debut 2020, co que colabora o Consello Social, terá unha edición mixta presencial e telemática

2020-11-20T13:28:08+00:0020 de Novembro de 2020|Colaboracións e patrocinios, Novas|

A situación provocada pola COVID-19 impide celebrar o habitual desfile que cada ano os novos egresados e egresadas de Esdemga organizan no Pazo da Cultura de Pontevedra. As coleccións amosadas constitúen os traballos de fin de estudos. Pero, como salienta a directora da titulación, Lola Dopico, máis aló da propia pasarela, Debut é tamén “unha semana de formación e de actividades, na que tendemos pontes entre o alumnado que remata os seus estudos e o ámbito profesional”. Con esa filosofía celebrarase, entre o luns 23 e o venres 27, unha nova edición que contará cun programa de actividades formativas para o alumnado do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, un encontro telemático dos novos egresados e egresadas con empresas do sector e unha exposición no Sexto Edificio do Museo de proxectos levados a cabo polo alumnado, que leva por título Debut 2020. Edición Limitada. A exposición poderá visitarse ata o 13 de decembro e estará conformada por unha selección de proxectos realizados o pasado curso polo alumnado.

Debut desenvolverá tamén un programa de actividades formativas, no que se combinan os talleres presenciais con outras propostas de carácter virtual, “o que tamén nos dá a posibilidade de contar con profesionais e especialistas que de xeito presencial sería máis complicado”, apunta Dopico.

Pecharase o programa cunhas xornadas técnicas de RRHH, dirixidas a que os novos titulados e tituladas poidan manter as súas primeiras entrevistas con representantes de recursos humanos de diferentes empresas do sector e que, nesta ocasión, se desenvolverán de xeito telemático.