Actos do presidente

O Consello Social e a Universidade presentan a Comunidade Alumni, o espazo para cristalizar o sentimento de pertenza á UVigo

2021-02-10T20:19:54+00:0010 de Febreiro de 2021|Actos do presidente, Novas|

O martes 10 de febreiro, presentouse a Comunidade Alumni-UVigo, un espazo de comunicación que permite manter activo o vínculo entre a institución e as persoas tituladas e outros colectivos que mantivesen relación académica ou contractual coa institución, e establecer e manter sinerxías dentro deste conxunto que faciliten o desenvolvemento persoal e profesional. A Comunidade Alumni conta cunha páxina web na que as persoas interesadas pódense unir, dando lugar, de feito, a unha rede de contacto das persoas vinculadas á Universidade de Vigo.

O presidente do Consello Social da UVigo –Ernesto Pedrosa–, o reitor –Manuel Reigosa–, o presidente da Federación de Asociaciones de Antiguos Alumnos y Amigos de las Universidades Españolas, Alumni España–Antonio José Redondo– e a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria– Natalia Caparrini, incidiron na relevancia desta iniciativa, que segundo Pedrosa fai deste día “un dos máis gratificantes da miña etapa á fronte do Consello Social da Universidade de Vigo”. Pola súa parte, Reigosa destacou a importancia de pór en marcha este espazo de relación coas persoas egresadas que queren formar parte do futuro dunha universidade na que “faltaba a sensación de pertenza a unha institución da que podemos estar orgullosos”.

Na súa intervención, o presidente do Consello valorou que “esta Comunidade Alumni que hoxe nace ten o rango de prioridade estratéxica para o Consello Social, porque os seus membros traerán unha información insubstituíble para recoñecer o valor, a dirección e a utilidade dos ensinos que recibiron nesta universidade, e son un enorme foco de visibilidade e unha fonte informativa de extraordinario valor, polas súas destacadas traxectorias profesionais, polas súas responsabilidades, as súas investigacións, as súas ideas ou as súas capacidades. Estean onde estean fan marca da UVigo”.

Pedrosa non quixo rematar sen referirse a Luis Espada e a Víctor Cacharrón “porque con eles naceu e creceu este proxecto pioneiro e heroico, con miles de horas detrás”, lembrando que “o Consello Social participou con intensidade no nacemento, desenvolvemento e evolución deste proxecto, ai xa para oito anos, e agora –que afortunadamente a Universidade o asume como propio desde a súa estrutura–satisfainos pensar que o máis ou menos tres mil titulados pasarán a formar parte do maior e mellor corpo diplomático repartido por todo o mundo que poida ter unha universidade. Rematou parabenizando a Manuel Reigosa e a Natalia Caparrini, “porque souberon culminalo de forma rápida e xenerosa”.

Polo seu interese recomendamos ler o documento coas “Declaracións de Ernesto Pedrosa na presentación da Comunidade Alumni“, e ampliar a información visitando a nova “Bota a andar a Comunidade Alumni da UVigo, iniciativa que conta co pulo do Consello Social“, publicada hai uns días, na que adiantabamos a creación inminente da iniciativa.