Actos do presidente

“Redeiras”, a nova sede institucional da UVigo, inaugúrase coa presenza de diversas autoridades e do presidente do Consello Social

2021-06-01T13:53:31+00:001 de Xuño de 2021|Actos do presidente, Novas|

Despois de catro anos e medio de traballos de rehabilitación –a obra comezou en 2016–, tres pequenas vivendas de mariñeiros da praza do Berbés, convertéronse nunha nova sede institucional da Universidade de Vigo no centro da cidade, onde quedara sen presenza, tras abandonar o edificio da antiga Reitoría da rúa Porto. Redeiras é o nome do inmoble, un xeito de dar visibilidade ao traballo desenvolvido por este colectivo profesional totalmente feminizado e que, xunto a escabicheiras, regateiras e vendedoras de peixe, poboaron durante séculos a paisaxe da zona onde está situado o edificio.

Outra imaxe das autoridades presentes

Na inauguración das novas dependencias, alén do presidente do Goberno, Alberto Núñez Feijóo, estiveron presentes o alcalde de Vigo, Abel Caballero,  o reitor da Universidade, Manuel Reigosa, o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, o equipo de goberno da UVigo e outras autoridades dos gobernos galego e local.

 

Un novedoso edificio construido cunha estrutura de madeira contralaminada

A fachada de Redeiras, na praza do Berbés

Redeiras é obra do estudo compostelán de arquitectura Abalo Alonso. “Conservamos a pegada histórica, de xeito que, aínda que se trate agora dun único edificio, aprécianse as trazas das antigas construcións. A máis pequena contén o acceso, a escaleira de emerxencia e aseos e instalacións nas diferentes plantas, mentres que as outras dúas, formúlanse máis abertas, cun oco central iluminado de xeito cenital, onde se localiza a escaleira principal, que conecta o resto de espazos vinculados a ambas fachadas”, explican Elizabeth Abalo e Gonzalo Alonso.

A planta baixa conta cun espazo de recepción, tenda e campus virtual; na primeira localízase atención ao alumnado, espazos de traballo compartido; sala de prensa e despacho institucional; aulas e oficinas na segunda, para terminar cunha zona de exposicións na terceira. A nova edificación resólvese cunha paleta reducida de materiais: a pedra existente, o formigón na cimentación e arranque dos muros en contacto co terreo, madeira no resto da estrutura, tanto vertical, como horizontal, así como carpinterías interiores e exteriores e, por último, o zinc na cuberta.

 

Vídeo da inauguración (UvigoTV)